O xornal de pesca Trueiro ábrese á Rede

mércores, 28 de maio do 2014 Marcus Fernández

Os afeccionados á pesca deportiva teñen un novo espazo de referencia na Rede grazas a que o xornal Trueiro, publicado dende 2008 en papel, renova a súa presenza na web cun novo deseño que permite que a publicación non se limite a chegar aos seus lectores catro veces ao ano na súa edición impresa, senón que estea actualizada con maior frecuencia grazas á canle que abre a Internet.
Temos así que a revista en papel Trueiro reinvéntase como un diario dixital para os galegos que gusten da práctica da pesca, facilitándolle novas, artigos de divulgación, denuncias, críticas e mesmo “o aplauso cando se mereza”. Completa a súa presenza dixital con espazos nas plataformas sociais Facebook e Twitter.
A publicación leva anos reivindicando a práctica da pesca non só como unha actividade de lecer, senón tamén como unha peza chave na conservación dos nosos ríos, da divulgación da fauna fluvial, as artes de pesca e a actividade no sector dentro do noso territorio e incluso como espazo de opinión, roles que se reforzan grazas á nova aposta pola Rede como canle de comunicación establecida a través do xestor de contidos Opennemas, empregado por outras publicacións como El Ideal Gallego, Mundiario ou Sermos Galiza.

PUBLICIDADE