O xornal máis antigo do mundo deixa de editarse en papel e só se poderá consultar na Rede

martes, 2 de xaneiro do 2007 Raquel Noya

O xornal máis antigo

Ano novo, vida nova?... Non sempre; o xornal sueco Post Och Inrikes Tidningar, que dende 1645 podía presumir de ser o máis antigo do mundo, deixa de ser editado en papel coincidindo coa entrada do ano, para ir acorde cos novos tempos e facerse visible só a través de Internet.
Tal e como viña anunciando a publicación na súa páxina web, dende o 1 de xaneiro de 2007, este xornal xa non está dispoñible nos quioscos e os seus fieis lectores só poden consultalo a través da páxina web da Oficina Sueca de Rexistro de Empresas (SCRO).
O Post Onh Inrikes Tidningar naceu como un diario de anuncios do Goberno deste país nórdico e, segundo a Asociación Mundial de periódicos, é a publicación das súas características máis antiga do mundo.
Agora, dado que os tempos mandan, as novas tecnoloxías virían a ser os paxes e Internet, o rei indiscutible dos medios de comunicación (algo inimaxinable no século XVII, cando o Post Onh saía a luz por primeira vez).
Malia todo, para manter viva a tradición, as bibliotecas seguirán recibindo tres copias do diario en papel impreso.

PUBLICIDADE