O xornalista Juanma Romero (TVE) mostrará ao tecido emprendedor de Ferrol como visualizarse nas novas canles

xoves, 17 de novembro do 2022 S. P.

O xornalista Juanma Romero, director do programa de TVE Emprende. impartirá na nosa terra un obradoiro para persoas emprendedoras e unha conferencia aberta o día 22. A actividade dupla está organizada pola Asociación de Empresarios Ferrolterra coa colaboración do Concello de Ferrol, co “obxectivo de visualizar e reivindicar a cidade departamental como referente emprendedor”.
As actividades terán lugar no antigo Hospicio e comezarán co obradoiro, que se desenvolverá de 16.00 a 18.45 horas cun máximo de dez prazas. Juanma Romero aprenderalles ás persoas participantes como analizar cadansúas ideas de negocio e a importancia da visibilidade nos medios e ferramentas de información comunicación. Os seus obxectivos son: potenciar a xeración de novos negocios e formar a emprendedores e emprendedoras e a empresas de servizos (comercio e hostalería sobre todo) para conseguir unha maior visibilidade e aumentar as súas posibilidades de éxito.
Cun enfoque práctico, abordaranse cuestións como o emprendemento; as habilidades sociais e a economía; o carisma e a comunicación; a venda en plataformas dixitais ou a transformación dixital e os novos empregos vinculados a ela.
Por outra banda, ás 19.00 horas celebrarase unha conferencia do propio Juanma Romero aberta ao público en xeral, aínda que especialmente pensada para persoas emprendedoras e interesadas no emprendemento, empresas e estudantes. Tras unha presentación, o xornalista falará do tema que da nome á xornada: Emprender desde Ferrol para o mundo é posíbel. O obxectivo da charla é mellorar o posicionamento de Ferrol como referente emprendedor, promocionando entre a poboación a cultura emprendedora e deixando claro que desde Ferrol se pode emprender sen fronteiras.
O programa que dirixe Juanma Romero emítese semanalmente no Canal 24 Horas, La 1 e todas as canles internacionais de TVE, así como nas redes sociais Facebook, Twitter e Youtube en directo. O xornalista conta con máis de 50 premios nacionais e internacionais como recoñecemento ao seu labor profesional no mundo do emprendemento, a comunicación, o xornalismo, a difusión da transformación dixital e as novas profesións.
As persoas interesadas en inscribirse tanto no taller como na conferencia poden facelo na web da AEF ou a través do teléfono 981 333 305.


PUBLICIDADE