Ocean´s lanza a súa tarifa Mega 19 con 70 minutos gratuítos para chamadas a fixos e móbiles

mércores, 20 de febreiro do 2013 Redacción

A operadora galega Ocean´s vén de presentar unha nova tarifa no catálogo de seu: a Mega 19. Este servizo, que cobre o oco que ficaba baleiro entre a Mega 9 e a Mega 25, diríxese a satisfacer as demandas dun bo número de clientes da compañía e usuarios das redes sociais, poñéndolles á súa disposición, entre outras cousas, 70 minutos gratuítos para chamadas a fixos e móbiles nacionais as 24 horas, 2 Xb e máis o envío de 100 SMS. Ademais, fornece servizos de VoIP e tethering.
Coma sempre”, explica a empresa, “o cliente pode navegar todo o que queira porque non imos cobrarlle polo exceso senón que gozará da redución de velocidade a 128 kbps”. As chamadas, unha vez superados os 70 minutos gratuítos que inclúe a tarifa, cobraranse a 7 céntimos o minuto cun establecemento de chamada de 15 céntimos. O novo servizo de Ocean´s acompáñase na súa irrupción no mercado dunha promoción especial de seu. Esta promoción inclúe a achega dun Samsung Galaxy SIII mini de balde, contratando a devandita tarifa. As condicións da promoción son as seguintes: está indicada só para portabilidades cunha antigüidade mínima de 6 meses no operador que fai a doazón e suxeita a unha permanencia de 24 meses. Ficará activa ata que se esgoten as unidades. Doutra banda, indicar que os contratos de promocións especiais serán tratados “en rigorosa orde de chegada sen prioridade sobre os habituais”. E engade a empresa galega: “Como circunstancia excepcional, nesta promoción non se admitirán portabilidades desde Movistar”. Ademais desta oferta especial, sinalar que o cliente ten marxe de liberdade para consultar o amplo catálogo de smartphones a cero euros ou con descontos que ofrece a Mega 19.

PUBLICIDADE