Office Mix converterá as presentacións de PowerPoint en leccións en liña

mércores, 7 de maio do 2014 Marcus Fernández

Para impulsar o uso educativo do PowerPoint, Microsoft presenta Office Mix, un novo e sinxelo sistema para converter os documentos da popular ferramenta en presentacións e leccións interactivas en liña. Esta nova solución engade ao PowerPoint 2013 a posibilidade de gravar audio ou vídeo do autor do documento presentándoo, permite escribir nas diapositivas mentres se fala nas mesmas, inserir enquisas e vídeos en liña e moito máis. De feito, este sistema incluso permite capturar a pantalla completa do ordenador, de xeito que cando teñamos gravado o contido que queremos compartir en liña só teremos que premer en Upload para transformar a presentación nun mix que poderemos compartir a través da Rede e reproducir en case calquera dispositivo conectado.
A principal vantaxe de Office Mix é que a meirande parte dos docentes que queiran crear contidos educativos xa saben manexar o PowerPoint, facilitando que tiren proveito desta nova ferramenta, que non só permite rexistrar leccións de corrido, senón que tamén facilita a edición das diapositivas unha a unha para poder corrixir os erros que puideran xurdir durante as gravacións.
Aparte de diapositivas básicas, audio e vídeos, a nova solución tamén permite inserir nas presentacións elementos interactivos, como páxinas web, aplicacións web, cuestionarios... de xeito que podemos crear enquisas ou incluso avaliacións nas que o estudante pode gozar de varios intentos, pistas, tempo máximo para responder, respostas en orde cambiante e incluso a posibilidade de saber ao momento se atinou coas respostas. Os docentes tamén poderán ver os resultados destes exercicios, información que pode ser de grande utilidade para coñecer as áreas nas que debe realizarse un maior esforzo.
As creacións realizadas con Office Mix poden ser clases enteiras para que poidan consultar os alumnos ausentes nas aulas presenciais, para permitir que as leccións máis importantes poidan repasarse na casa ou incluso para que unha presentación de empresa poida gravarse e así remitir o mix ás persoas que non puideron acudir presencialmente.
Os interesados en probar a versión preliminar de Office Mix poden solicitalo a través de Microsoft Connect (a aceptación no programa de avaliación é instantánea actualmente), sendo preciso contar con Office 2013 SP1 para poder gozar desta nova funcionalidade (sendo posible descargar tamén unha versión de proba do PowerPoint operativa durante 180 días, no caso de que non contemos con esta aplicación e queiramos probar as bondades da no solución). Para facernos unha idea do que fai posible Office Mix recomendamos ver un exemplo desenvolvido no que explican a Lei de Ohm.

Office Mix permite incorporar cuestionarios interactivos

PUBLICIDADE