OnePlus presenta o seu primeiro móbil encartable

xoves, 19 de outubro do 2023 Marcus Fernández

Tras moitos rumores ao respecto, finalmente presentouse o OnePlus Open, o primeiro smartphone con pantalla encartable da marca creada por Pete Lau e Carl Pei, aínda que co curioso detalle de que o mesmo hardware chegará tamén ao mercado como Oppo Find N3, sendo interesante comprobar cal dos dous dispositivos funcionará mellor en vendas.
Cómpre salientar que estamos ante un móbil de fabricación bastante limitada, que chegará ao mercado a un prezo de 1.849 euros, aínda que pagando un depósito de 99 euros será posible conseguir un desconto de 250 euros e uns auriculares Buds Pro 2 (valorados en 179 euros) sen custo adicional, o que suporía un aforro total de 429 euros. Está previsto que o teléfono chegue aos primeiros compradores como moi tarde o 21 de novembro.
O OnePlus presenta unha pantalla exterior Super Fluid AMOLED de 6,31 polgadas e unha velocidade de refresco de 120 Hz, mentres que a súa pantalla encartable interior de Flexi-Fluid AMOLED ten tamén unha velocidade de refresco de 120 Hz pero a súa diagonal medra até as 7,82 polgadas, presumindo o fabricante de contar con compatibilidade con Dolby Vision e ter un brillo máximo de 2.800 nits, polo que poderían verse a súas pantalla claramente incluso baixo a luz solar. Tamén contan con varios altofalantes para conseguir unha experiencia sonora mellorada compatible con Dolby Atmos.
Para que teña sentido a pantalla encartable, o móbil incorpora melloras no seu software que facilitan dividir a pantalla en dúas ou tres partes e arrastrar e soltar contidos para compartilos, de xeito que cobra certo sentido para tarefas de produtividade en mobilidade.
A súa cámara traseira conta con 3 sensores e certificación Hasselblad, deixando caer o fabricante que non descoidou este aspecto. Ten así un sensor principal Sony LYT-T808 de 48 Mpíxeles con estabilización óptica e tecnoloxía Pixel Stacked (que promete unha maior luminosidade, especialmente de noite), un teleobxectivo con zoom óptico de 3x de 64 Mpíxeles e estabilización óptica (promete tamén boa calidade a 6x e un zoom dixital de 120x), e unha lente de ultra grande angular cun sensor Sony IMX581 de 48 Mpíxeles.
A un nivel máis técnico falamos dun móbil cun procesador Qualcomm Snapdragon 8 Gen 2, 16 GB de memoria LPDDR5X, 512 GB de almacenamento UFS 4.0, batería de 4.805 mAh con carga rápida de 67 watts, conectividade 5G para dobre SIM, eSIM, Wi-Fi 7, Bluetooth 5.3, NFC, lector de impresións dixitais lateral e incluso o control deslizante de alerta que caracteriza aos móbiles da marca OnePlus.
Estamos ante un dispositivo moi atractivo, que como principal atranco ten que o seu prezo de venda oficial é superior ao do Samsung Galaxy Z Fold5 equivalente, e que en tendas é sensiblemente máis económico (pode atoparse por debaixo dos 1.300 euros).

Vídeo promocional do OnePlus Open

PUBLICIDADE