Oracle anuncia un servizo para mellorarmos as vendas na Rede

martes, 10 de xullo do 2012 Fernando Sarasketa

Oracle vén de presentar unha iniciativa para personalizar e mellorar as comunicacións e as operacións en liña das empresas con respecto aos seus clientes, amais de apuntalas e amplialas cara a novos niveis e, tamén, cara a novas empresas-clientes potenciais. Cara a estes obxectivos diríxese Oracle Commerce, a nova proposta da compañía, froito da unificación de ATG Commerce e Endeca nunha solución de comercio electrónico completa. Esta solución, informa Oracle, é un recurso de primeira orde para superar, dende a nosa firma, unha serie de retos: os complexos retos comerciais que inclúen a chegada de canles de comunicación cada vez máis impredicíbeis, territorio de interacción de consumidores e clientes.
Oracle Commerce foi concibida para proporcionar actividade comercial a través da Rede, dos dispositivos móbiles, das redes sociais e das tendas minoristas. O servizo, engade a compañía, ten todo o preciso para que se lle tire o máximo partido dende o primeiro intre: “Oracle Commerce dispón de compoñentes pre-construídos que permiten aos equipos de empresas pór en marcha de xeito rápido e doado novas marcas e sitios web, acceder a novos mercados e integrar canles diversas co asistente de creación do sitio”. Tódalas canles, infórmase, poden ser perfectamente xestionadas e optimizadas para darlle un pulo extra á estratexia da experiencia do cliente. E engádese: “Oracle Commerce tira proveito dos investimentos tecnolóxicos existentes dos clientes, dende a análise de CRM, os medios interactivos, ás recomendacións que poden ofrecer unha vista de paxaro de tódalas interaccións cos clientes”. En definitiva, conclúe a compañía, do que se trata é de axudar ás empresas a xestionar tódalas estratexias de fidelización do cliente á perfección, facendo que cada interacción co mesmo sexa unha oportunidade nova para dirixir o contido e personalizar as experiencias.

PUBLICIDADE