Oracle impartirá no CNTG un seminario técnico sobre aplicacións web con Java EE

xoves, 16 de xaneiro do 2014 Redacción

Exterior do CNTG, pertencente á Consellería de Traballo

O Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (CNTG) de Santiago vai acoller o vindeiro 6 de febreiro unha xornada de gran interese para os nosos profesionais centrados (ou que estean pensando en centrarse) no eido da creación de ferramentas e servizos para novos dispositivos e computadores. Trátase, máis polo miúdo, dun seminario técnico (a desenvolver de 9.00 a 13.00 horas) sobre desenvolvemento de aplicacións web con Java EE. Ademais, a xornada conta co engadido de vir da man da multinacional Oracle, unha das maiores e máis experimentadas empresas compañías de software do mundo, con produtos moi estendidos que van dende as bases de datos até os sistemas avanzados de xestións, pasando por recursos de seu para dar forma a aplicacións.
O relator da xornada será César Martín, colaborador habitual do CNTG, experto en tecnoloxía Oracle, Java e en ferramentas de desenvolvemento. Segundo nos lembran fontes do Centro de Novas Tecnoloxías, Martín ten ás súas costas 13 anos de experiencia impartindo formación oficial de Oracle University, amosando tamén unha importante traxectoria en divulgación de Java e colaborando activamente na preparación de documentación oficial de Oracle University e na creación de novos cursos.
Asemade César Martín conta cun amplo currículo no desenvolvemento de aplicacións e consultoría en produtos como Java (Struts, Java Server Faces, Application Development Framework), Oracle Designer, Oracle Forms, Oracle Reports, Oracle Discoverer, Oracle Portal, Oracle Application Server, Oracle WebLogic, Oracle Webcenter, Oracle UCM / Stellent, Oracle Fatwire, etc. O acceso ao seminario, previa inscrición a realizar en liña a través do portal web do CNTG, é de balde e condicionado ao aforo do local.

PUBLICIDADE