Orange distribúe o HTC Hero en exclusiva en España

martes, 30 de xuño do 2009 Marcus Fernández

HTC Corporation anunciou hoxe que Orange comercializará en exclusiva para España o novo HTC Hero, o novo terminal con Android que incorpora a interface HTC Sense e incluso soporte de Flash en páxinas web, xogada que podería supor unha ameaza para Telefónica e Vodafone, que comercializan terminais HTC con Android que poderiamos considerar anticuados a nivel de software (aínda que é de prever que nos vindeiros meses poidan recibir unha actualización xeral que nivelaría os dispositivos que veñen co sistema operativo promovido por Google).
O HTC Hero é un terminal con pantalla táctil de 3,2 polgadas cunha resolución de 480 x 320 píxeles, GPS, compás dixital, cámara de 5 Mpíxeles con enfoque automático, HSPA, Wi-Fi, Bluetooth e un alto nivel de personalización, e porase á venda por un prezo a partir de 99 euros, estando hoxe mesmo dispoñible a través do Programa de Puntos e da tenda en liña de Orange (que ofrece unha rebaixa de 10 euros no terminal e un desconto do 30% nas 3 seguintes facturas, aínda que parece terse esgotado o móbil por tal canle) e a partires da semana que vén nos puntos de venda da compañía. O novo móbil comercialízase coa Tarifa Plana Naveghable ou a Tarifa Plana Internet en el Móvil asociada a calquera tarifa de voz.

PUBLICIDADE