Orange tamén sube as súas tarifas converxentes en febreiro

luns, 2 de xaneiro do 2017 Marcus Fernández

Non só o Fusión+ 2 de Movistar subirá de prezo en febreiro, senón que Orange tamén fará o mesmo, confirmando os malos presaxios de suba xeneralizada das ofertas converxentes de telecomunicacións unha vez que Movistar vai por ese camiño.
As tarifas de Orange que xa teñen confirmada a suba de prezo serían as chamadas Love (antes Canguro) que incrementarían o seu prezo entre 2 e 5 euros/mes compensando o cambio con incrementos de datos nas liñas móbiles na mesma liña do marcado por Movistar. Os paquetes con televisión tamén subirían 1 euros as súas cotas mensuais (o paquete Orange TV Cine y Series pasará a custar 13,95 euros con Love Esencial e 8,95 euros en Love Sin Límites).
A tarifa Love Esencial subirá 2 euros a cambio dun incremento de 500 MB nos datos móbiles; as Love Sin Límites e Love Familia Esencial subirán 2 euros a cambio de 2 GB máis no móbil; e a Love Familia Sin Límites incrementa o prezo en 5 euros a cambio de 6 GB adicionais no móbil.
Se ben os usuarios que realizan grandes consumos de datos nos seus dispositivos móbiles poden considerase beneficiados polos cambios de tarifas, para quen no fai un uso intensivo da banda larga móbil o incremento de prezos de seguro que non será ben recibido, e non parece moi razoable que as compañías estean a mudar as condicións do servizo de xeito obrigatorio, sen dar a opción de que os consumidores queden co volume de datos móbiles anterior para non incrementar as súas cotas mensuais (ou incrementalas en menor medida).

PUBLICIDADE