Os HomePod poden funcionar con YouTube Music de xeito predeterminado

luns, 23 de outubro do 2023 Marcus Fernández

Os altofalantes conectados de Apple, os HomePod, teñen entre as súas grandes eivas o limitar extraordinariamente a cantidade de servizos musicais cos que pode funcionar de xeito nativo, estando extrardinariamente ligados a Apple Music, polo que poden non adaptarse ás necesidades de moitos usuarios.
Conscientes de que non todos os usuarios de produtos de Apple queren empregar os seus servizos, abriron os HomePod ao servizo musical Pandora (bastante popular nos EE.UU.) e, finalmente, sen facer moito ruído, veñen de incorporar YouTube Music aos HomePod. Deste xeito, os usuarios do servizo musical de pagamento de Google (incluído en YouTube Premium) que teñan algún HomePod, poden configurar os altofalantes para que de xeito predeterminado empreguen como servizo musical YouTube Music, de xeito que cando invoquen a través de Siri algún contido musical o trebello non se conectará a Apple Music, senón que optará por tirar da música da plataforma de Google.
Polo momento os HomePod non incorporan soporte nativo para Spotify, Amazon Music e TIDAL, polo que podemos entender que Apple non quere pór as cousas doadas aos seus competidores máis duros. Cómpre mencionar que os altofalantes de Google si permiten a súa configuración con Apple Music, polo que a novidade dos HomePod poden ser consecuencia dun acordo de reciprocidade.

PUBLICIDADE