Os IES Montecelo, Carlos Oroza e o CEE Príncipe Felipe de Pontevedra xa gozan de conexións de banda larga a 100 Mbps

martes, 22 de outubro do 2013 Redacción

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) vén de completar a implantación de redes de nova xeración con 100 Mbps en 3 centros da Consellería de Cultura, Educación e O.U.: no IES Montecelo, no CIFP Carlos Oroza e no CEE Príncipe Felipe, todos eles situados na cidade de Pontevedra. Con estes tres centros a provincia de Pontevedra conta xa con 51 dos 208 os centros educativos aos que xa se lles facilitou o acceso a esta tecnoloxía no último ano, grazas ao Plan de Banda Larga da Xunta.
A mellora destas infraestruturas de telecomunicación posibilita, ademais do incremento da velocidade de conexión, o acceso simultáneo dun maior número de usuarios e a posibilidade de traballar cun maior número de aplicacións informáticas.
Con esta actuación búscase dotar tanto ás cidades como ao rural da mellor conectividade posible, e de colocar á comunidade educativa na vangarda do progreso, con proxectos como o Abalar para integrar as TIC no sistema educativo.
A mellora da conectividade dos centros educativos é posible grazas á posta en marcha pola Xunta do Plan de Banda Larga de Galicia, que contempla entre as súas actuacións, e en colaboración co operador R, a extensión destas redes de nova xeración (NGA) coas velocidades máis punteiras.
A implantación de redes de 100 Mbps permite multiplicar por 10 a velocidade de baixada e quintuplicar a velocidade de subida. Deste xeito o alumnado pode ter un acceso máis efectivo á Rede, sen esperas ou contratempos; pode conectarse simultaneamente un maior número de usuarios e permite o funcionamento de máis aplicacións informáticas cun tempo de resposta adecuado.

PUBLICIDADE