Os Mac prepáranse para dicir adeus aos procesadores de Intel

martes, 23 de xuño do 2020 Marcus Fernández

O encontro para desenvolvedores de Apple deste ano non pode realizarse presencialmente por mor da crise sanitaria, pero dende a compañía de Cupertino non quixeron cancelar totalmente o evento e optaron por celebralo virtualmente a todos os efectos, de xeito que a habitual presentación de apertura tivo lugar cos contidos previstos, pero trasladando o escenario do tradicional auditorio cheo de público a unha serie de contornos virtuais que simulaban ser distintas estancias do Apple Campus.

Os Mac terán procesadores de Apple

Esta presentación de preto de dúas horas de duración serviu para dar conta das novidades que recibirán os distintos sistemas operativos de Apple nos vindeiros meses, á vez que tamén confirmou o inicio da transición por parte de Apple dos procesadores de Intel a procesadores de seu con arquitectura ARM para os seus equipos informáticos, cambio moi radical que permitirá que a compañía poida ter un maior control sobre o seu calendario de lanzamentos, pero que tamén ten grandes implicacións a nivel de software, provocando unha fricción para usuarios e desenvolvedores bastante grande, de aí que este cambio vaia producirse con certa calma durante os vindeiros dous anos.
O salto entre os procesadores Intel e o que deron en chamar Apple silicon comeza agora, pois os desenvolvedores xa poden solicitar a cesión de equipos Mac mini equipados cun procesador A12Z Bionic (ou sexa, un Mac cun procesador de iPad Pro) para comezar a desenvolver e probar as aplicacións de cara aos equipos que comercialmente serán realidade a partir de finais de ano.
Aínda que o cambio de arquitectura dos equipos de Apple parecía que podería limitarse aos equipos portátiles máis modestos, perseguindo así unha boa eficiencia e autonomía, confirmouse que a aposta de Apple será absoluta, e paulatinamente irá migrando todo o seu catálogo de equipos Mac á nova arquitectura, o que provoca moita curiosidade, xa que os intentos por parte de Microsoft con Windows 10 para equipos con procesadores ARM tiveron resultados bastante pobres, recibíndose dun xeito moi frío por parte do mercado, facendo que equipos que se anunciaran como grandes referentes non chegaran nin a comercializarse.

macOS Big Sur

Pero para que os Mac con Apple silicon sexan realidade é preciso realizar grandes cambios no sistema operativo, e así temos macOS Big Sur, alcume polo que coñecerase á versión 11.0 do sistema operativo de Apple, que por fin distánciase do Mac OS X que leva 19 anos connosco.
Os cambios en macOS son máis que evidentes, xa que o sistema operativo experimente un redeseño completo, achegándose como nunca a iPad OS, para aproveitar así a nova estratexia de Apple a nivel de software, que consiste no feito de que as aplicacións para iPhone, iPad e Mac sexan basicamente as mesmas, facilitando así que os equipos informáticos de Apple non queden nun segundo plano a nivel de software, beneficiándose así do dinamismo que ten o software para dispositivos móbiles.

iOS 14

O iPhone tamén contará en poucos meses con iOS 14, sistema operativo que tamén muda bastante de aparencia, incorporando unha nova pantalla de inicio, que agora conta con widgets redeseñados e unha colección de aplicacións, co que buscan un uso máis efectivo do móbil. As aplicacións organízanse de xeito automático por categorías, pero o usuario poderá personalizar logo a súa disposición; tamén contarán con App Clips (fragmentos de aplicacións que poden despregase rapidamente para realizar tarefas moi concretas a partir dun código QR ou dunha etiqueta NFC, como pagar un café ou usar un parquímetro); a aplicación de mensaxería fai máis accesibles as mensaxes máis importantes; a aplicación de Mapas recibe novidades entre as que destacan as rutas optimizadas para bicicletas (tendo en conta as pendentes), os vehículos eléctricos ou incluso guías con lugares de interese; integra un tradutor en 11 idiomas; e incluso estrea a posibilidade de empregar o móbil como chave de certos automóbiles de alta gama (inicialmente empregando NFC, pero para o ano que vén prevén implementar unha solución que nin sequera precisaría de sacar o móbil do peto para desbloquear o vehículo).
iOS 14 xa ten unha versión preliminar para desenvolvedores e o mes que vén estreará beta pública para os ansiosos que non queiran agardar ao outono para gozar das novidades que están a preparar para os iPhone.

watchOS 7

Os reloxos de Apple recibirán tamén 3 novidades, de importancia bastante relativa, como sería a posibilidade de compartir a disposición das esferas dos reloxos, a detección automática do lavado de mans (para instar a que o fagamos durante un mínimo de 20 segundos para garantir a desinfección) e a monitorización do sono (algo que podía facerse mediante solucións externas, pero que por fin está integrado no sistema operativo do móbil, aínda que cunha utilidade discutible ante a reducida autonomía dos Apple Watch).

Outras novidades

iPadOS 14 tamén recibe unha funcionalidade que permite converter en texto o que o usuario escriba mediante o Apple Pencil, de xeito que pode escribir a man alzada respostas a mensaxes de texto ou enderezos de Internet, prestación que curiosamente non estaba dispoñible de xeito nativo; e tvOS 14 tamén facilita o acceso a cámaras de vídeo e outros accesorios compatibles con HomeKit (de xeito que, por exemplo, pódese ver no televisor a imaxe da cámara que teñamos na porta ao recibir unha visita).

Vídeo coa presentación inaugural da WWDC20

PUBLICIDADE