Os Monty Python estrean un absurdo xogo móbil

xoves, 26 de xuño do 2014 Marcus Fernández

O vindeiro 20 de xullo ás 20:00 horas varios cines galegos (como o de Yelmo Cines en Los Rosales ou o de Cinesa en As Cancelas) permitirán seguir en directo a emisión do espectáculo Monty Python Live (mostly) dende o O2 Arena de Londres, no que será a primeira actuación da célebre formación cómica en máis de 30 anos, e como curioso xeito para volver a pór a estes xenios do humor de actualidade chega agora unha aplicación móbil inspirada nun dos sketches máis populares do The Monty Python’s Flying Circus no que podiamos ver o Ministerio de Andares Ridículos.
No xogo móbil Monty Python’s The Ministry of Silly Walks controlaremos a un individuo que ten que percorrer as rúas londinienses evitando obstáculos mentres anda de xeito ridículo, na liña do que podía verse no programa televisivo emitido por primeira vez en 1970. Para facer aínda máis destacable esta aplicación, conta coa voz de John Cleese, actor que interpretaba ao ministro a cargo da carteira máis absurda da historia.
O xogo está dispoñible como aplicación universal na App Store por 0,99 euros, podendo tamén mercarse para Android en Google Play por 1,24 euros.


Trailer do novo xogo móbil

PUBLICIDADE