Os Piratas de Galicia queren dar exemplo de campaña electoral sostible

venres, 5 de outubro do 2012 Fernando Sarasketa

Comezou a campaña electoral galega e entre os partidos que máis queren apostar polas novas tecnoloxías nos formatos e nos contidos elixidos (e é normal que así sexa, tratándose dunha agrupación que xurdiu ao acubillo das redes e nomeadamente da cultura libre que propician as redes) están os Piratas, cuxa facción galega, que coa arela de promover os seus candidatos en dúas das catro provincias galegas (Ourense e Pontevedra), anuncia que a súa sede será (como non) Internet e que entre outras accións levaranse a cabo pegadas de carteis virtuais pola casa en liña, por enteiro.
Isto non quita, din, que non vaia haber xente pola rúa, explicando en que consiste a proposta dos Piratas de Galicia. Pero iso si: ficando á marxe, totalmente, do estrago económico no que caen, unha vez tras outra, os principais partidos coas súas campañas, de meirande gravidade “nun tempo no que a crise apachoca a todos”, sinalan os piratas. A xuízo desta agrupación, é cen por cen ilóxico a disposición de cinco millóns de papeletas que se imprimen para as eleccións das que só se empregará o 1%. “Para cando unhas papeletas únicas con tódolos partidos e marca de voto?”, pregúntanse. Ao fío disto, os Piratas de Galicia xa anunciaron que denunciarán nas xuntas electorais as iniciativas máis irresponsábeis co contorno e as que acheguen máis custe económico innecesario.

PUBLICIDADE