Os Populares de Santiago estrean páxina web

luns, 22 de agosto do 2016 Redacción

O Grupo Municipal Popular compostelán presentou os días pasados nova web de seu, popularesdesantiago.gal, un espazo en liña posto en marcha coa arela de amplificar a comunicación coa veciñanza e, en palabras dos seus responsábeis, “converterse en escaparate de toda a actividade municipal”. De feito, acubilla non só as notas de prensa e as iniciativas presentadas nos plenos do Concello (proposicións, mocións, preguntas orais e rogos), senón tamén recursos participativos para converterse en punto de recollida de propostas.
Segundo salientan os populares de Santiago, a web compleméntase cunha caixa de correo da cidadanía para que as veciñas e veciños fagan chegar as súas suxestións e demandas, “co compromiso de que nun prazo de 48 horas recibirán unha resposta”.
O obxectivo da páxina web é que sexa “unha ferramenta de comunicación rápida e eficaz”. E engaden: “Non é un espazo para ser un simple espectador, senón que o que se busca é unha participación activa e fluída”. Asemade, o Grupo Popular local fai fincapé no dinamismo e no carácter “visual” da plataforma, todo encamiñado a facer o máis doada posíbel a navegación.

PUBLICIDADE