Os Premios TAW á accesibilidade en liña recoñecen o traballo de AGESTIC

xoves, 10 de decembro do 2009 Fernando Sarasketa

A páxina web da Asociación Galega de Empresas TIC vén de ficar finalista na quinta Edición dos Premios TAW que entrega a Fundación CTIC (organismo representativo no Estado do consorcio mundial World Wide Web) a nivel español e americano. Cómpre sinalar que estes galardóns son un reflexo do traballo da dita Fundación, encargada entre outras cousas de velar pola accesibilidade en liña no eido nacional e no latinoamericano, fomentándoa e informando das moitas vantaxes que achega esta democratización e esta empregabilidade dos proxectos en liña.
Para AGESTIC, ter obtido este recoñecemento por parte da dita entidade representa un impulso ao traballo que a asociación galega está a desenvolver dende hai máis ou menos un ano, “facilitando dende a súa web uns datos do sector TIC galego, das empresas asociadas e dos seus proxectos e servizos de xeito accesible para todo o mundo e cumprindo cos máis esixentes estándares neste eido”.
Para a plataforma empresarial, o feito de terse aberto un oco na final destes premios en competencia con importantes entidades de longa experiencia na materia constitúe un importante pulo de desenvolvemento para o sector dixital galego, para as asociacións e para as empresas xeral, ás que AGESTIC anima a traballar dende Galiza para contribuír á creación dunha Internet para todas e todos.
O palmarés dos ditos premios quedou deste xeito:
Premio TAW á web de entidades sen arela de lucro máis accesible.
Categoría para as entidades de calquera ámbito que teñan aplicado as políticas de accesibilidade nas súas páxinas web:
Gañador: Sitio web Consumer Eroski.
Finalista: Sitio web Fundación Orange.
Finalista: Sitio web Asociación Galega de Empresas TIC (AGESTIC).

PUBLICIDADE