Os X Premios EGANET entréganse este venres no Palacio de Congresos Mar de Vigo

martes, 28 de xaneiro do 2014 Redacción

Xa vai quedando menos tempo para a entrega dos galardóns da décima edición dos Premios EGANET, dirixidos unha vez máis o traballo ben feito dos nosos profesionais en materia de creatividade, produtividade e innovación arredor das TIC. Este ano as categorías son as seguintes: mellor proxecto colaborativo empresarial TIC, mellor proxecto emprendedor TIC, mellor aplicación de software, mellor comunicación dixital e mellor negocio en liña, ás que se suma o Premio Especial EGANET, coa que a entidade presidida actualmente por Víctor López salienta algún proxecto, entidade ou personalidade galega pola súa contribución á promoción das novas tecnoloxías en Galicia. Por certo que este ano os recoñecementos entréganse no Palacio de Congresos Mar de Vigo, emprazado na Avenida de Beiramar 59 de Vigo. A cita é este venres 31.
Esta elección final desbota o primeiro emprazamento seleccionado, o Parque Empresarial Porto do Molle, en boa medida co fin de achegar un aforo máis axentado ao evento. A gala desenvolverase de xeito complementario á xuntanza do cuarto aniversario da LaconNetwork, como xa fixeron na pasada edición dos Premios EGANET. Ás 9.00 horas está programada a recepción de asistentes á LaconNetwork e sobre as 12.00 horas a entrega de recoñecementos propiamente dita. Á hora de seleccionar aos gañadores, o xurado dos galardóns terá en conta cousas como a capacidade innovadora, a adecuación dos proxectos aos dispositivos móbiles e o acceso universal ás novas tecnoloxías en calquera das categorías.

PUBLICIDADE