Os altofalantes Google Home poderían chegar a España o mes que vén

luns, 21 de maio do 2018 Marcus Fernández

A primeiros de mes Álex Barredo sorprendía nas páxinas de La Vanguardia comentando que os altofalantes conectados de Amazon poderían chegar a España a primeiros do verán, ao que dende elEconomista retrucaban dicindo que tal lanzamento non tería lugar até finais de 2018 ou primeiros de 2019. E agora Barredo volve á carga con outra primicia, asegurando que os altofalantes Google Home comezarían a venderse en España no mes de xuño.
Comenta que os altofalantes Google Home mini chegarían a un prezo de 59 euros, os Google Home a 149 euros e os Google Home Max aínda non terían un prezo confirmado (de feito, estes últimos altofalantes aínda teñen unha distribución internacional moi limitada) e non só estarían dispoñibles a través da tenda en liña da propia Google, senón que tamén poderían adquirirse en establecementos físicos como as tendas de Media Markt.
Este lanzamento sería o primeiro paso dos altofalantes conectados con asistente virtual en España e en español, ao que seguirían os Amazon Echo, de xeito que practicamente sería unha guerra entre dous axentes, xa que Microsoft con Cortana e Apple con Siri parecen estar aínda bastante lonxe para competir neste ámbito, por ter o seus asistentes pouco orientados a este tipo de trebellos.

PUBLICIDADE