Os autobuses universitarios de Vigo estrean rede Wi-Fi

venres, 10 de decembro do 2010 Marcus Fernández

Dende hoxe, todos os pasaxeiros que viaxen á Universidade de Vigo poderán conectarse á rede Wi-Fi que ofrece Vitrasa e que pretende dar acceso a Internet sen custos aos universitarios que a diario se desprazan ó Campus. Vigo convértese deste xeito na única cidade galega que ofrece conexión a Internet nos seus autobuses urbanos.
O novo servizo foi presentado hoxe polo alcalde de Vigo, Abel Caballero, e o concelleiro de Mobilidade, Xulio Calviño, xunto co director xeral de Vitrasa, Juan Carlos Villarino, quen declarou que «actualmente Internet é unha ferramenta indispensable para a maioría das persoas e con esta iniciativa pretendemos facilitar o traballo diario dos estudantes e profesores que se dirixan ao campus en transporte público. Con este servizo queremos ademais, manter a nosa aposta polas novas tecnoloxías que xa iniciamos coa iniciativa SMbuS ou co cálculo de rutas na web entre outros». Tamén engadiu que os motivos levaron a Vitrasa a decantarse polas liñas á Universidade como as idóneas para a implantación deste servizo son que «contan con percorridos longos e a maioría dos pasaxeiros fan o traxecto completo. Ademais, a maior parte dos viaxeiros son alumnos e profesores do campus universitario que se dirixen diariamente ao seu centro de estudos, polo que poden aproveitar este servizo para tarefas profesionais ou para facer máis entretida a súa viaxe».

PUBLICIDADE