Os avatares de Meta intégranse nas videochamadas

martes, 11 de xullo do 2023 Marcus Fernández

Nos últimos meses dende Meta están a introducir avatares en todos os seus servizos, como un xeito de avanzar cara ao Metaverso, aínda que na práctica a cousa quede basicamente nun tipo de adhesivos personalizados, pero agora dan un paso adiante e anuncian que os avatares de Meta pasan a integrarse nas chamadas en vídeo en Messenger e Instagram, de xeito que cando unha persoa non poida atender a unha videochamada por non estar presentable (ou estar nun lugar non que pode violentar a intimidade doutras persoas) en vez de limitar a comunicación a unha chamada de voz pode establecer unha videochamada cun filtro activado que converte ao usuario nun avatar tridimensional, facendo así que os participantes estean máis presentes na conversa.
Dende Meta tamén salientan que cos avatares tamén poden facerse adhesivos animados que publicar nas historias de Facebook e Instagram, nos comentarios de Facebook e incluso nas mensaxes directas; e para ampliar as súas posibilidades anuncian os adhesivos sociais, que permiten combinar os avatares de dúas persoas nun único adhesivo, conseguindo así unha maior complicidade.
Para a creación dos avatares de Meta están a probar unha nova opción en Facebook e WhatsApp que facilita a personalización dos avatares a través dun selfie en vivo, o que busca axilizar a creación destas representacións virtuais.

PUBLICIDADE