Os blogs gañan popularidade nos EE.UU.

xoves, 13 de setembro do 2007 Marcus Fernández

Un estudo de mercado feito en EE.UU. amosa que os blogs se están a converter nun fenómeno de masas, xa que a metade dos 1.000 adultos internautas consultados aseguraron ler blog e 8 de cada 10 saben o que son este tipo de páxinas web.
Tamén resulta destacable que o 8% dos estadounidenses teña a súa propia bitácora, xa que «hai poucos anos case ninguén sabía nin o que eran» segundo comentou Tom Mularz, vicepresidente senior de Synovate, empresa que realizou o estudo valéndose do seu panel en liña eNation.
A consulta realizada tamén permite calar o debate sobre a ameaza que supoñen os blogs para os medios de comunicación, xa que só o 13% dos enquisados afirmou ler menos outros medios dende que len blogs.
O que si se confirma é o feito de que os lectores de blogs responden a un rango de idade moi ben definido, de xeito que máis do 90% dos consultados con entre 25 e 34 anos sabían o que era un blog, mentres que tal porcentaxe baixa ato o 65% para os maiores de 65 anos, e un sorprendentemente baixo 78% de mozos de entre 18 e 24 anos que saben o que é un blog.
No tocante ó xénero, confírmase que hai máis público feminino (o 20% das mulleres visitan blogs fronte o 14% dos homes).

PUBLICIDADE