Os buques intelixentes do futuro collen impulso en Vigo

luns, 4 de febreiro do 2019 Fernando Sarasketa

Barcos adaptados ás novas tendencias de xestión, comunicación e consumo de enerxía e, ademais, todo o liberados de cableado que poidan estar. Dito doutro xeito: buques plenamente tecnolóxicos pero sen o lastre tradicional (e físico) do tecnolóxico. Este é un dos grandes obxectivos de Estaleiro do Futuro, a alianza de investigación (UMI) establecida entre Navantia e a Universidade da Coruña, coa colaboración da Universidade de Vigo (o Grupo de Antenas e Radares e Comunicacións Ópticas que lidera o profesor e investigador Fernando Obelleiro). O proxecto Sen Cables, impulsado no merco desta UMI, foi explicado nos seus detalles a semana pasada. Segundo se fixo saber, trátase dunha iniciativa para dotar os barcos de tecnoloxías 4.0 que será aplicada no programa de fragatas F110 da Armada Española.
O proxecto Sen Cables comezou con dúas actuacións diferenciadas, asociadas ás áreas de maior volume de cableado: a distribución eléctrica, por unha banda, e a de alumeado, comunicacións e sensorización, pola outro. Amais, tras os estudos realizados pola UMI, decidiuse centralo na integración da iluminación, da megafonía, dos servizos de acceso sen fíos seguros e do sensorizado diverso diversos nun único sistema, denominado Sistema de Servizos Integrados (SSI). Este sistema pon en xogo aforros de cableado de até o 20% e é quen de reducir a potenciar eléctrica do alumeado na metade. En termos máis técnicos, o SSI baséase na integración de elementos disgregados nun “todo” único de xestión intelixente: iluminación, megafonía, servizos de acceso sen fíos seguros e sensorizado diversa nun sistema central que conforma, en palabras dos seus impulsores, “o sistema nervioso do buque intelixente, xa desde os inicios da construción”.
O proxecto, que está financiado pola UMI Estaleiro do Futuro e complementado por un programa de I+D+i de Navantia, pasou en 2018 a Revisión de Deseño dos Requisitos (SRR), a Revisión Preliminar do Deseño (PDR) e a Revisión Crítica de Deseño (CDR) e ao longo do período 2018-2021 está prevista a industrialización do sistema, co obxectivo de ser un dos máis innovadores abordo da nova fragata F110 da Armada Española. No proxecto, que conta coa dirección técnica da Universidade de Vigo, tamén toma parte, como convidada no panel de avaliación, a Armada Española.
Un dos elementos clave do desenvolvemento do sistema é o traballo que se desenvolve nunha nave do Parque Tecnolóxico e Loxístico de Vigo para crear unha contorna virtual con capacidade para acoller simulacións do comportamento da tecnoloxía, cousa que se complementa cunha contorna física que reproduce unha porción do buque e no que se levan a cabo as probas de integración dos módulos de software. O reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, e a directora xeral de GAIN, Patricia Argerey, acompañados de varios integrantes dos grupos de investigación que participan no proxecto, visitaron este 1 de febreiro o demostrador do proxecto SII no que se está a traballar na contorna virtual desenvolvida no Parque Tecnolóxico e Loxístico de Vigo.

PUBLICIDADE