Os centros de saúde e hospitais poderán facilitar o acceso a É-Saúde con Chave 365

luns, 10 de outubro do 2016 Redacción

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución que habilita aos centros de saúde e hospitais do SERGAS como centros acreditadores do servizo Chave 365, que permite, entre outras funcionalidades, a consulta e xestión de datos clínicos e persoais en teléfonos móbiles ou tabletas a través da plataforma É-Saúde. É unha alternativa ao uso de certificados electrónicos para as xestións en liña coa Administración, coa vantaxe de que pode utilizarse dende dispositivos móbiles.
A plataforma É-Saúde é unha ferramenta tecnolóxica de servizos sanitarios que posibilita que o paciente poida acceder dende o seu móbil, ordenador ou tableta, a servizos e contidos personalizados, e, deste xeito, consultar e xestionar as súas citas, revisar a súa folla de tratamentos, os informes de alta e de probas diagnósticas radiolóxicas ou de laboratorio rexistradas na súa historia clínica electrónica, entre outras prestacións.
Tamén permite acceder á axenda de citas en atención primaria ou especializada actualizada, posibilitando completala con eventos persoais de maneira que o paciente, dende o propio móbil, poida consultar cando ten que recoller unha receita na farmacia, ir a unha consulta médica, realizar unha proba diagnóstica, ou facer as actividades de promoción da saúde que houbera programado.
A plataforma posibilita, ademais, o acceso a todos os cursos de formación da Escola Galega de Saúde para Cidadáns e dos cursos desenvolvidos polas asociacións de pacientes. Así mesmo, poderá consultar servizos ou participar nas comunidades entre o seu persoal médico e de enfermería e outros pacientes, e nas asociacións de pacientes que lle permitan contactar con outros doentes cos que comparta dúbidas ou recomendacións de hábitos de vida.

PUBLICIDADE