Os centros públicos galegos contan cun ordenador para cada sete alumnos, segundo Educación

xoves, 23 de agosto do 2007 Fernando Sarasketa

A Consellería de Educación vén de facer reconto do acadado en materia de achega de computadores ós centros escolares: neste intre, hai sete estudantes por cada ordenador habilitado, fronte ós 12,9 do curso 2004-2005, segundo os datos subministrados polo departamento da Xunta. Para Educación, é importante que a liña de incorporación de equipos informáticos non descenda, e que esta achega veña acompañada de actividades de alfabetización dixital e de axudas ós fogares para a compra de computadores para o eido familiar.
Seguindo coas cifras do reconto, Educación salienta tamén que dende 2006 os centros públicos galegos contan con 26.607 ordenadores máis, fornecidos polo propio departamento e a entidade pública empresarial Red.es, que contribuíron igualmente co subministro de video-proxectores (1.000), impresoras (1.000) e pizarras dixitais (308), sendo o investimento nese ano 2006 de 16 millóns de euros.
Para este ano en curso, a Consellería destina máis de 7,5 millóns de euros para o equipamento de 7.143 ordenadores persoais e 2,5 millóns de euros para a compra de 1.923 portátiles
Polo que respecta ás contribucións ás familias co fin de favorecer a formación en novas tecnoloxías e redes alén do espazo físico educativo, a Consellería informa de que ó longo dos dous últimos anos xa convocou até 20.000 axudas, sendo o investimento total para esta iniciativa concreta de 6 millóns de euros.

PUBLICIDADE