Os clientes de Vodafone teñen todas as canles dispoñíbeis até o 8 de xaneiro

xoves, 17 de decembro do 2015 Redacción

A operadora Vodafone anunciou modificacións na súa oferta de televisión, incluíndo unha oferta estensíbel a todos os seus clientes durante a festividade de Nadal. A oferta en cuestión consiste por unha banda en permitirlles o acceso “ao paquete máis completo de canles dispoñíbel a día de hoxe” (TV Total) e, pola outra, fornecelos dun paquete deportivo que abrangue Abono Fútbol e Abono Fútbol 1. Unha das grandes cousas a ter en conta desta promoción é que exime aos usuarios de pagar máis do que pagan decote polos seus paquetes para acceder ao devandito durante estas datas. A oferta está operativa a partir deste 17 de decembro e fica en activo até o día 8.
Máis polo miúdo, os clientes de Vodafone TV (sexan da modalidade que sexan) terán estes días dispoñíbeis as 120 canles de TV Total e os paquetes Abono Fútbol e Abono Fútbol 1, as vertentes do novo paquete Liga, que como lembraremos abranguen acceso a competicións como a Copa do Rei ou a liga BBVA.
Entre as novidades destes días de Vodafone relativas á súa achega televisiva cómpre informar tamén da posta a disposición das nenas e nenos dunha serie de películas referenciais para o servizo de vídeo baixo demanda (por exemplo Ice Age 4, Monstros S.A., Brave, a saga Toy Story ou Do Revés) e, tamén, do comezo da emisión, a partir do 22 de decembro, da canle Atreseries, que se emitirá na TDT e na oferta de Vodafone TV.

PUBLICIDADE