Os concellos de Pontevedra contan con novas ferramentas smart

luns, 15 de outubro do 2018 Fernando Sarasketa

A Deputación de Pontevedra presentou a semana pasada unha serie de proxectos tecnolóxicos acaidos para os concellos e os seus traballos (presentes e futuros) arredor do aproveitamento da información na busca dunhas meirandes eficacia e rendibilidade. Asemade, son iniciativas indicadas para facilitarlles a adaptación á nova contorna de regulamento de de protección de datos, máis rigorosa, exhaustiva e vixiada. Neste paquete de novidades inclúese o proxecto IDEPO, que xunto co servizo de salvagarda da información para as entidades locais e o Backup na nube, converterán Pontevedra, en termos da Deputación, “nunha provincia intelixente”.
Sobre todo porque arredor destes recursos van poder traballar non só as administracións, senón tamén a cidadanía, sendo o xermolo e o acubillo dun coñecemento permanentemente actualizado e incrementando que vai permitir a toma (en base aos datos xerados) das mellores decisións de goberno.
As novidades foron dadas a coñecer perante alcaldesas e alcaldes provinciais pola presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, xunto ao deputado delegado de Innovación e Promoción Económica, Javier Dios, que coincidiron ao sinalar que estas iniciativas enchen un baleiro importante de recursos por parte das administracións locais, que en moitos casos non contan co que precisan para pór en marcha todo tipo de cuestións relacionadas co regulamento TIC.
Segundo fixeron saber en primeiro lugar, IDEPO é un xeoportal libre e de balde que integra información xeográfica e de servizos de todos os concellos da provincia e que inclúe (nun plano máis detallado) datos sobre paradas de autobuses, puntos de recollida de lixo, infraestruturas deportivas, xacementos arqueolóxicos ou estradas... O proxecto, ao que poden acceder as administracións e a veciñanza, “vai permitir tomar decisións máis intelixentes que permitan equilibrar a dotación de servizos da provincia” sinalou Silva. Ademais, a presidenta apelou a un servizo “aberto e en constante actualización” e convidou ás alcaldesas e alcaldes a participar activamente na mellora de IDEPO, unha plataforma “moi doada de usar”, engadiu.
Logo da presentación deste proxecto, a presidenta debullou as liñas principais do novo servizo de asesoramento sobre protección de datos dirixido ás entidades locais para dar cumprimento ao regulamento que entrou en vigor en maio deste ano. “Na administración local trátanse unha chea de expedientes con datos privados e desde a Deputación de Pontevedra queremos ofrecervos a nosa axuda para o deseño de guías, a revisión de documentos ou a colaboración de datos", explicou Silva.
A presidenta provincial tamén fixo fincapé no terceiro proxecto desenvolvido pola Área de Novas Tecnoloxías. Trátase dun Backup ou copia de seguridade na nube necesaria para a xestión de todos estes datos persoais.
Segundo informaron, todas estas iniciativas van dirixidas a concellos de menos de 50.000 habitantes, facendo especial fincapé nos de menos de 20.000.

PUBLICIDADE