Os consumidores denuncian os prezos abusivos das mensaxes nos móbiles

mércores, 19 de xaneiro do 2011 Fernando Sarasketa

A Asociación Xeral de Consumidores (ASGECO Confederación) vén de denunciar a actividade dos operadores de telefonía móbil polo que considera unha achega xeral de prezos excesivos no que se refire ao servizo de mensaxes de texto SMS e multimedia (MMS). A xuízo da entidade, esta subida nos custes, en ocasións indirecta ou solapada, é unha proba máis da indefensión na que atopan os usuarios fronte ás grandes empresas do eido das telecomunicacións, todas elas tirando proveito dun mercado que deu probas de abondo de ser pouco competitivo. De feito, e a diferenza do que acontece noutros sectores, o da telefonía móbil semella ter unha soa compañía con diferentes nomes, tal é a uniformidade dos seus movementos e das súas ofertas.
As denuncias de ASGECO teñen o seu complemento no expediente sancionador que abriu a Comisión Nacional de Competencia (CNC) contra Telefónica Móbiles, Vodafone e Orange por prezos excesivos no eido dos servizos maioristas en mensaxeiría curta. Ante isto, a plataforma de consumidores sinala a “necesidade de contar cun mercado en libre competencia onde poidan establecerse prezos liberalizados á marxe dos tres grandes operadores”.
As protestas de ASGECO non son novas. De feito, leva anos facendo fincapé nas carencias da oferta española de telecomunicacións tras a liberalización do sector en 1998 e a fin do monopolio de Telefónica, tanto no que atinxe ao subministro de telefonía móbil como á achega de ADSL. Para a plataforma, está claro que as firmas independentes da rede física de Telefónica están “obrigadas a impoñer prezos excesivos nos servizos de mensaxeiría, pautados polos tres grandes operadores con rede de acceso propia”.

PUBLICIDADE