Os creadores do simulador de fluídos virtual, galardoados de novo

mércores, 18 de febreiro do 2009 Raquel Noya

Ignacio Vargas e Víctor González (Next Limit) nunha imaxe captada para El País

O ano pasado, máis ou menos por estas datas, publicamos a nova de que dous españois ían recoller un Oscar técnico polo desenvolvemento da aplicación informática RealFlow, que simula o comportamento de fluídos de xeito realista en cine e que na actualidade empregan numerosas empresas de efectos especiais, grandes estudos como Dreamworks, Disney ou Pixar e incluso a NASA.
Agora, os galardoados Ignacio Vargas e Víctor González veñen de obter un novo pulo ao seu labor: o Premio Segundo de Chomón 2009 que lles entregou a Academia de Cine.
Durante o acto, os protagonistas afirmaron que “non todo se fai en Hollywood e que en España aínda se pode innovar” e neste senso, Vargas e González, os fundadores da empresa madrileña de efectos visuais Next Limit Technologies, están a traballar agora no perfeccionamento da ferramenta, que vai xa pola súa quinta versión.
Entre os traballos desenvolvidos por estes pioneiros atopamos colaboracións en películas como O señor dos aneis, Ice Age, Charlie e a fábrica de chocolate, Sweeney Todd ou a máis recente, a taquilleira O curioso caso de Benjamin Button.
O Premio Segundo de Chomón é un galardón que a Academia de Cine concede cada ano como recoñecemento a empresas ou persoas “cuxas achegas técnicas contribúen ao desenvolvemento da industria cinematográfica” e, este ano, recaeu nunhas moi meritorias mans.
Pero o simulador de fluídos non é a única aplicación na que Next Limit traballa na actualidade, asemade, esta empresa está a desenvolver polo menos outros dous produtos similares, que son, o Maxwell Render, un simulador de efectos de luz con aplicacións na industria cinematográfica e ou XFlow, unha ferramenta orientada a simulacións en enxeñaría ou arquitectura.

PUBLICIDADE