Os da Ría axitan a Rede coa campaña Por el gallego me corto la polla

xoves, 16 de xaneiro do 2014 Redacción

Na vida e na Rede xa non hai quen se sorprenda facilmente. Por iso cando unha iniciativa consegue nun día de vida (entre onte e hoxe) un milleiro de adhesións en Facebook e máis de catro mil visualizacións do vídeo que acompaña á iniciativa en cuestión no YouTube, entón é como pararse e mirar que ocorre. A campaña web chámase Por el gallego me corto la polla e vén da man de Os da Ría. Podémonos achegar a ela de moitos xeitos posíbeis, e pode que haxa cabreados dende tódolos eidos ideolóxicos, e probablemente iso é que pretenda o dúo galego de humoristas: tocar un pouco os narices a todo o mundo.
Na campaña, que tamén é denuncia (aínda que cada quen sacará as súas conclusións sobre o que se denuncia), aparece un personaxe semi-ficticio, Bernabé Lázaro, profesor de Humanidades de La Universidad de La Coruña, convidando aos internautas a que prescindan do aparello sexual a favor da defensa da lingua en galego. O curioso de todo é que o fai en castelán. Baixo a mensaxe lanzada e a ironía que acompaña a iniciativa hai unha crítica a quen defende o galego sen ter amosado o máis mínimo compromiso a prol da lingua. Con todo, tamén hai moita retranca contra os que se sitúan no lado contrario, o da militancia real (na imaxe da campaña, Bernabé ten debaixo do brazo un exemplar da revista Luzes). A campaña en boa medida segue os vieiros abertos por iniciativas previas como o movemento ridiculista que acompañou as manifestacións urbanas de Galicia Bilingüe, poñendo por así dicilo o contrapunto ás manifestacións.

PUBLICIDADE