Os desafíos das relacións públicos no eido dixital, polo miúdo no Campus de Pontevedra

xoves, 4 de maio do 2017 Redacción

A Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación do Campus de Pontevedra acolle dende este mércores un congreso sobre relacións públicas e sobre os desafíos aos que se enfronta este ámbito de traballo coa sociedade dixital. Segundo se fixo saber no evento, unha xuntanza que procura enxalzar o labor da comunicación nunha empresa ou entidade, as novas tecnoloxías imprimiron non poucas vantaxes neste eido, pero tamén unha serie de cuestións de risco. En palabras do investigador Antonio Castillo, da Universidade de Málaga, na sociedade da comunicación dixital, os erros poden ser fatalmente decisivos, posto que “serán coñecidos por todos e cada un dos implicados”. A edición número 12 do Congreso Internacional de Investigadores en Relacións Públicas vén da man das universidades de Vigo e Minho.
No evento, que se celebra por segunda vez no Campus de Pontevedra, participan preto de 70 expertos, profesionais e estudantes, procedentes de España e Portugal pero tamén de Arxentina, Venezuela, Colombia e México defenderán as súas investigacións nas súas diferentes mesas temáticas.
A conferencia inaugural do congreso correu a cargo do consultor portugués Renato Póvoas, autor do primeiro blog especializado nesta disciplina de Portugal, Relações Públicas Sem Croquete, no que incide no “carácter técnico” dunha disciplina que vai alén, como sinala, dos eventos. Afondar na situación no que se atopan as RRPP en Portugal desde unha “perspectiva práctica”, foi o eixo central dun relatorio no que este profesional salientou tamén as “grandes transformacións” que se están a vivir nun ámbito “en auxe por forza da dixitalización da comunicación e das redes sociais”.
Póvoas salientou que o principal desafío para os e as profesionais do eido pasa por “percibir cal é o noso espazo”. E engadiu: “Penso que as RRPP deben cada vez máis gañar coñecemento sobre outras áreas complementarias, xa que deben estar no centro de todo o proceso de comunicación”. Asemade, destacou que “achámonos na era dos contidos e a era dos contidos é a era das relacións públicas”, avogando para “xuntaren forzas a comunidade científica e empresarial e podermos todos camiñar no mesmo sentido”.
As xornadas teñen como eixo central as cinco mesas temáticas nas que se presentarán un total de 34 comunicacións. Estes bloques son: relacións públicas e medios, sector profesional, xestión de comunidade, públicos emerxentes e formación e investigación en RRPP.

PUBLICIDADE