Os dominios .cat chegan aos 60.000 rexistros

luns, 12 de novembro do 2012 Marcus Fernández

Imaxe do acto de celebración do 5º aniversario da posta en funcionamento do .cat

Mentres comunidades sociolingüísticas como a galega continuamos á espera de que o noso dominio de primeiro nivel sexa unha realidade, e poidamos gozar dun espazo propio na Rede baixo o sufixo .gal, a experiencia catalá ensínanos que realmente existe unha grande demanda neste eido, e nestes días están a dar conta da chegada aos 60.000 dominios rexistrados baixo o .cat, grazas en boa medida a unha promoción iniciada en xullo (e prorrogada ata xaneiro de 2013) que rebaixa o prezo do rexistro un 70%.

Evolución dos dominios .cat dende a súa posta en funcionamento

Os dominios .cat principiaron 2007 con menos de 20.000 dominios rexistrados, pero conseguiron manter un pulo constante durante os preto de 6 anos seguintes, cuns 6.000 novos dominios ao ano, demostrando a confianza que cidadáns e empresas están a ter na presenza da lingua e cultura catalás na Internet, o que agradamos que nos vindeiros anos tamén poidamos celebrar cun .gal, que nos vindeiros meses pasará a ser avaliado pola ICANN.

Os dominios .cat promovéronse mediante numerosas campañas durante os últimos anos

PUBLICIDADE