Os dominios .es superan a cifra do millón e medio

mércores, 28 de marzo do 2012 Fernando Sarasketa

Os dominios .es, os asignados ao acubillo de España, xa superan o millón e medio de rexistros. Así nolo conta hoxe a entidade Red.es, que é quen xestiona este tipo de indicativos. Nos últimos doce meses, informa, aqueles experimentaron un medre do 17%, dándose de alta máis de mil novos cada día. Arestora, o .es atópase entre os vinte primeiros rexistros a escala internacional e por número de dominios formalizados, indícase. Deste millón e medio devandito, o 57% do total pertence a persoas físicas e o 43% restante a persoas xurídicas. Entre estas últimas áchanse sobre todo sociedades anónimas, sociedades limitadas, cooperativas, asociacións, comunidades, organismos, etc.
Segundo informa Red.es, dende 2007 os dominios .es afianzáronse en España como elementos presenciais de referencia, por enriba do “.com”. O dominio propiamente español pon en xogo, engade a entidade, dúas características particulares nas páxinas web que se acubillan baixo este indicativo: “O seu carácter de proximidade e de identidade”. E engádese: “Dende Red.es celebramos a cifra superada nesta data, coa confianza de que o indicativo vai tomando cada vez máis forza; atrás deixamos o millón de nomes acadado a finais de 2008 e por diante temos unha oportunidade seguir medrando en colaboración cos nosos axentes rexistradores acreditados”.

PUBLICIDADE