Os empresarios xa poden presentar telematicamente documentación no Rexistro Xeral de Contratistas

luns, 3 de outubro do 2011 Redacción

Rosa María Pedrosa, secretaria xeral Técnica e de Patrimonio da Consellería de Facenda, foi a encargada de anunciar a nova prestación do Rexistro Xeral de Contratistas da Xunta de Galicia

A Consellería de Facenda, dentro do Plan Estratéxico 2010-2014 - Galicia 2020, aposta polo achegamento da Administración autonómica á sociedade e pola súa conversión nunha administración máis áxil, moderna e eficiente coa eliminación de barreiras e trámites, de aí que a secretaria xeral Técnica e do Patrimonio, Rosa María Pedrosa, anunciase a introdución por parte do seu departamento dunha serie de melloras na súa web, que van permitir ás empresas actualizar en tempo real os seus datos no Rexistro Xeral de Contratistas de Galicia.
Deste xeito, os empresarios xa poden enviar telematicamente a declaración responsable anual sobre a vixencia dos datos que constan no Rexistro, un documento que deben entregar obrigatoriamente todos os anos os 4.000 inscritos. Tamén poden realizar de forma telemática a declaración, nos casos que proceda, da exención de pagamento do Imposto de Actividades Económicas; así como a autorización para que por parte do rexistro e en nome da empresa se soliciten directamente á Axencia Tributaria, á Consellería de Facenda e á Seguridade Social os datos relativos ao cumprimento das obrigas tributarias e coa Seguridade Social.
A web da consellería de Facenda convértese, así, nunha canle de comunicación sinxela e cómoda que permite o acceso, entre outras, a estas prestacións telemáticas para o que só é preciso que os apoderados das empresas que figuren inscritos no Rexistro dispoñan dun certificado dixital expedido pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre (FNMT), clase 2.

PUBLICIDADE