Os enxeñeiros de Telecomunicación e a FEGAMP impulsarán as TIC no eido municipal

xoves, 4 de abril do 2024 S. P.

O pasado martes 26 de marzo representantes do COETG/AETG reuníronse co presidente da FEGAMP, o alcalde vilagarcián Alberto Varela, co obxectivo de formalizar un convenio que marque o inicio dunha serie de actividades de colaboración entre ambas entidades para o fomento das TIC (Tecnoloxías da Información e o Comunicación) no ámbito municipal de Galicia.
Na xuntanza participaron, ademais do presidente da FEGAMP, Alberto Varela, a secretaria xeral, Patricia Vilán, e o coordinador xeral, Xosé Manuel Rodríguez. Por parte do COETG/AETG asistiron o decano/presidente, Julio Sánchez Agrelo e o director/xerente da AETG, César Mariñas.
Segundo fixeron saber, o obxectivo a curto prazo é establecer unha liña de traballo en común, mediante un convenio de colaboración que aborde entre outros temas, a celebración de actividades divulgativas e formativas en común. En breve concretaranse os primeiros pasos desta colaboración entre ambas organizacións.
Na xuntanza os representantes da organización profesional salientaron o labor que xa veñen desenvolvendo coa AMTEGA, dende a Oficina de Atención aos Concellos, que resolve cuestións técnicas. Tamén achegaron a información da ordenanza tipo que teñen moi avanzada dende a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), e dos traballos iniciados hai tempo dende a FEGAMP nese tema.
O presidente da FEGAMP expuxo poder abrir unha liña de traballo en común, mediante un convenio de colaboración que aborde a extensión da banda larga polo territorio galego, a cobertura 5G en ausencia de cable de fibra, avanzar na elaboración da ordenanza tipo para Galicia, e celebración de actividades divulgativas e formativas en común.

PUBLICIDADE