Os enxeñeiros e enxeñeiros técnicos en Informática defenden o futuro das profesións na sede do Ministerio de Industria

venres, 18 de xaneiro do 2013 Redacción

As entidades estatais CONCITI (da que forma parte o Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia) e CCII (na que se integra o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática en Galicia), reuníronse este pasado martes na sede do Ministerio de Industria cos representantes principais da Subsecretaría de Industria e a Secretaría de Estado de Telecomunicacións para, entre outras cousas, avaliar en común as cuestións que afectan máis directamente ás profesións informática. Cómpre lembrar que o CONCITI é un consello estatal de colexios autonómicos presidido polo galego Marcos Mata, tal e como sinalamos hai semanas en Código Cero.
Segundo informan CONCITI e CCII, no transcurso da devandita reunión tratouse un tema de “especial preocupación para o colectivo”, o anteproxecto de Lei de Servizos Profesionais, onde os representantes da profesión trasladaron ao Ministerio a súa posición respecto deste anteproxecto interesándose polo estado de tramitación do mesmo. Lembrar que a postura do CONCITI sobre o dito anteproxecto foinos achegada de primeira man os días pasados, nun comunicado no que se avogaba por fortalecer e preservar a profesión de enxeñeiro técnico en Informática e recoñecela en igualdade de condicións con respecto ao resto de enxeñeiros técnicos.
Volvendo ao encontro celebrado no Ministerio, sinalar tamén que permitiu coñecer o avance na aprobación dos estatutos xerais de ámbolos consellos, e que permitirá, se se cumpren os prazos previstos, que estean aprobados antes do verán de 2013, así como a incorporación destas entidades ao Consello Asesor das Telecomunicacións e da Sociedade da Información, comprometida para o primeiro semestre do ano.

PUBLICIDADE