Os enxeñeiros industriais poñen en marcha en Lugo unha Oficina Acelera Peme

mércores, 20 de setembro do 2023 S. P.

A Asociación de Enxeñeiros Industriais de Galicia (AIIG) vén de poñer en marcha unha Oficina Acelera Peme (OAP) en Lugo, que terá unha vertente física na praza Santo Domingo 6, 3.º e outra virtual vía web. “Trátase dun punto onde ofreceremos atención personalizada e asesoramento para facilitar a transformación dixital das pemes, emprendedores e autónomos de Lugo”, explicou na mañá deste 20 de setembro o presidente da AIIG, Francisco Manuel Pérez Rivas, durante a presentación da oficina.
Estivo acompañado polo delegado do Gobierno en Galicia, Pedro Blanco Lobeiras; o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias Fouz; e a subdelegada do Gobierno en Lugo, María Isabel Rodríguez López; xunto á delegada de Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Lugo, Silvia Colmenero Guzmán, e o vogal da AIIG por Lugo, José Luis Valado Viéitez.
Pedro Blanco destacou que “só na provincia de Lugo ata 4.000 pequenas empresas e persoas autónomas están a incorporar novas solucións dixitais aos seus negocios con 13 millóns de euros do Plan de Recuperación grazas ao programa Kit Dixital e o apoio das Oficinas Acelera Peme”. A nivel de Galicia, dixo, “xa son 25.000 pemes e autónomos os que recibiron 90 millóns do devandito Plan, cifras históricas que exemplifican o noso compromiso e que evidencian unha vez máis que este Goberno é o mellor aliado das empresas, poñendo encima da mesa os investimentos que fagan falta para mellorar a súa competitividade”.
Pola súa banda, Javier Arias encomiou a iniciativa e destacou que complementa á rede de centros de apoio e asesoramento que a Xunta implantou na provincia a través dos Polos de Emprendemento ou do programa Conecta Lugo, este último en colaboración coa Confederación de Empresarios de Lugo. Neste sentido, lembrou que “achegar información concreta e axustada a cada caso, ofrecer o acompañamento adecuado, incrementa a eficiencia dos recursos públicos dispoñíbeis”.
Tres tipos de actuacións
Segundo destacaron dende a AIIG, as tecnoloxías que se difundirán desde a OAP de Lugo serán variadas: desde as máis accesíbeis ou coñecidas polo empresariado (sistemas de xestión integral, xestión da carteira de clientes de forma diferenciada, análise de datos a través de Power BI, ferramentas de traballo colaborativo, ciberseguridade, aplicación da Realidade Virtual e Aumentada, mercadotecnia dixital, loxística avanzada, xestión de procesos internos ou impresión dixital) até as máis avanzadas (Intelixencia Artificial Aplicada, Building Information Modelling, xemelgos dixitais, Blockchain na empresa, ferramentas de comunicación avanzadas, modelos de forecasting por Intelixencia Artificial, IoT ou Big Data).
“O noso obxectivo principal é mostrar ás empresas, autónomos e emprendedores a aplicación práctica da tecnoloxía, que poidan ver e tocar solucións propostas por diferentes empresas e de diferentes tecnoloxías... queremos achegar a demanda ás empresas tecnolóxicas”, apuntou Silvia Colmenero.
Estas tecnoloxías presentaranse ás persoas empresarias e autónomas e ás pemes de Lugo a través de tres grandes tipos de actuacións:
1- Lab Test: con tecnoloxía implantada nos computadores e con elementos físicos (IoT, lentes de Realidade Virtual, simuladores…) para que calquera empresa, empresario ou autónomo poida tocar as tecnoloxías.
2- Tech Days: en colaboración coas Universidades e os Centros Tecnolóxicos de Galicia organizaranse xornadas con demostracións de diferentes provedores sobre unha determinada tecnoloxía, de forma que os asistentes poidan coñecer distintas alternativas.
3- Demo Days: xornadas para presentar diferentes tecnoloxías de aplicación e uso aos asistentes que poderán ver, nun único día, diferentes tecnoloxías e a súa aplicación directa sobre as empresas.
Finalmente, para potenciar a figura da muller na transformación dixital, a Oficina Acelera Peme de Lugo e a Asociación de Enxeñeiros Industriais de Galicia crearán o Woman Tech Day. Neste evento, serán as mulleres que se encargaron de dixitalizar as súas empresas as que conten os retos e problemáticas que se atoparon e superado.

PUBLICIDADE