Os equipos de Talentos Inclusivos do CITIC presentan este venres as súas solucións para persoas con parálise cerebral

venres, 17 de xuño do 2022 S. P.

O proxecto Talentos Inclusivos, posto en marcha polo Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña e ASPACE Coruña, finaliza este venres 17 de maio a súa segunda edición con preto dunha vintena de solucións tecnolóxicas desenvolvidas por parte de estudantes de centros educativos de toda a provincia, todas elas co nexo común de mellorar a calidade de vida de persoas con parálise cerebral. Os resultados desta segunda edición do proxecto preséntanse este venres nunha xornada de clausura. Será a partir das 10:30 h no salón de actos do edificio da Facultade de Socioloxía e da Facultade de Ciencias da Comunicación da UDC.
A iniciativa conta co apoio do Consello Social da UDC, a Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT), a Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia e o Concello da Coruña.
Segundo informa o CITIC, Talentos Inclusivos ten o obxectivo duplo de “espertar vocacións tecnolóxicas entre a xuventude e, á súa vez, sensibilizar sobre a diversidade funcional, a través da colaboración entre equipos de traballo formados por estudantes de Secundaria e Bacharelato xunto con usuarios de ASPACE, para resolver retos tecnolóxicos propostos por persoas con parálise cerebral”.
Preto de 200 estudantes de Secundaria e Bacharelato de 10 centros educativos da provincia da Coruña participaron no proxecto. Algúns dos retos que se presentarán son ramplas de accesibilidade en impresión 3D portátiles, timbre e mando a distancia de televisión adaptados, produtos de accesibilidade para ordenador e tableta, e diferentes xogos como dominós, videoxogos e elementos de ocio-musical controlados por sensores.
A mesa de apertura do acto contará coa presenza do vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia da UDC, Salvador Naya Fernández; a subdirectora xeral de Innovación, Orientación e Formación de Recursos Humanos da Xunta de Galicia, Mª Eugenia Pérez Fernández; a directora do departamento de Cultura Científica e da Innovación da FECYT, Rosa Capeáns Garrido; o concelleiro de Educación, Memoria Histórica, Innovación, Industria e Emprego do Concello da Coruña, Jesús Celemín Santos; o secretario do Consello Social da UDC, Jesús Spósito Prado; e a presidenta de ASPACE Coruña, Carmen Barreiro Santos. Posteriormente, os equipos de estudantes presentarán os seus traballos, introducidos polo investigador principal do proxecto e subdirector do CITIC, Javier Pereira Loureiro, e a coordinadora do proxecto en ASPACE, Iria Robles Viqueira. Finalmente, o director do CITIC, Manuel F. González Penedo, pechará a xornada.

PUBLICIDADE