Os expertos demandan actuacións na Rede contra as webs que fomentan a anorexia e a bulimia

luns, 26 de setembro do 2011 Raquel Noya

As redes sociais son ferramentas que, pola súa feitura e características, están a xerar cantidades inimaxinables de seareiros e fans que atopan no seu seo a mellor das axudas para loitar contra a soidade, o aburrimento e a morriña, entre outras moitas cousas.
Porén, coma todo, mal usadas poden resultar tamén perigosas armas para persoas vulnerables que buscan na Rede o que non atopan no seu entorno físico, ou que por casualidade caen nas mans de quen menos lle convén.
Poderíamos falar de pederastas, estafadores, ou mesmo simples amigos do alleo que lle atopan unha peculiar utilidade ás redes sociais, porén neste caso concreto temos que falar de mozas e mozos que son á vez vítimas e responsables, en boa medida, da proliferación de páxinas que fomentan a anorexia e a bulimia na Rede, e que arrastran con elas a novas vítimas inocentes cunha mesma obsesión: a perfección, buscada de xeito erróneo a través da delgadeza.
Cada vez son máis as páxinas e perfís de redes sociais que fomentan a anorexia e a bulimia nos lindes virtuais do noso Estado e cada son de menos idade os e as usuarias que consultan este tipo de sitios online; sen ir máis lonxe, segundo o último informe da Axencia da Calidade de Internet (IQUA), o número de páxinas e perfís “pro ana” e “pro mía” nos medios sociais (nome informal que reciben no entorno as doenzas anorexia e bulimia) multiplicouse nada menos que por 450 nos últimos anos, e é unha cifra que vai en aumento a pasos axigantados por máis que as autoridades se esforcen por controlalas.
Institucións oficiais, asociacións de pacientes, familiares e profesionais da saúde son chamados agora a participar nos medios sociais para detectar e combater a anorexia e a bulimia, cuxos enfermos aproveitan a ausencia de controis para fomentar este tipo de trastornos da alimentación.
As redes sociais permítenlle aos especialistas da saúde acceder ao doente de maneira continuada e apoiar o seu labor terapéutico, porén neste tipo de enfermidades, queda demostrado que é máis doado que o paciente empeore se emprega as redes sociais no seu día a día.
Botando unha ollada rápida a Twitter, por exemplo, é moi doado atopar comentarios do tipo de:
“A balanza cara atrás vai máis lenta: segunda semana!”; “Porque a comida é como a arte: existe só para mirala”; “Eu teño que chegar a pesar 38... véxoo difícil pero non imposible”; “Teño que chegar a pesar 43... peso 48: fáltame pouco”... ou mesmo consellos a seguir tan arrepiantes como os que seguen: “Trata de vomitar o máis rápido posible despois de ter comido, se deixas pasar moito tempo será peor”; “Cando sintas moito frío pola noite e queiras taparte pénsao dúas veces, porque o teu corpo consume calorías tratando de quentarse a si mesmo”...
Son comentarios reais que poñen os pelos de punta e que lamentablemente increméntanse na Rede a unha velocidade vertixinosa, a mesma á que se incrementan as persoas que falecen desta terrible enfermidade que non ten máis límite que a que a sociedade lle queira poñer.

PUBLICIDADE