Os fabricantes estandarizarán o micro-USB para cargar a batería do móbil

venres, 21 de setembro do 2007 Marcus Fernández

Esta semana Plataforma Terminal Móbil Aberto (OMTP) da que forman parte fabricantes coma Nokia, Samsung, Motorola Sony Ericsson e LG, anunciaron que acordaran que o micro-USB será o conector común para os seus futuros móbiles.
O micro-USB é máis pequeno que o habitual mini-USB e permitirá adaptarse a uns dispositivos que cada día teñen un tamaño máis reducido, mentres que aproveitará a universalidade do USB, que tanto está presente en ordenadores coma en cargadores autónomos.
Esta medida responde a diversos motivos que van dende a comodidade do usuario (que terá máis doado recargar o seu móbil) coma para o medio ambiente (só será preciso un cargador para tódolos móbiles que se teñan, o que supón un descenso importante en refugallos electrónicos altamente contaminantes). Ademais, cando un usuario perda o cargador do seu terminal telefónico (ou se lle avaríe) terá moito máis doado atopar un de substitución, sen ter que encargar un fabricado especificamente para o seu modelo de móbil).
Os propios fabricantes tamén se poderán beneficiar desta medida grazas ó aforro de custos que suporá a estandarización dun sistema único (pois simplifica o transporte, a fabricación e o almacenamento dos compoñentes relativos á interface de carga da batería).
Como desvantaxe, o USB ten limitacións de voltaxe e potencia, de xeito que certos móbiles non poderán contar con cargas ultra-rápidas, aínda que actualmente parece ser unha solución axeitada e aceptada para moitos dispositivos coma reprodutores multimedia.

PUBLICIDADE