Os filmes de Star Wars estréanse en formato descargable o vindeiro venres

martes, 7 de abril do 2015 Marcus Fernández

Algunhas producións cinematográficas levan anos presentando certa resistencia á súa comercialización en novos formatos, como a franquía de Star Wars, pero agora que vai volver á grande pantalla parecía inevitable que as súas primeiras entregas volvesen a comercializarse, e dado que xa están dispoñibles en soporte físico, faltaban as plataformas dixitais para á venda destas obras, que o vindeiro venres van a estrearse en servizos como Google Play, iTunes e Xbox Video, estando xa dispoñibles para a súa reserva.
Deste xeito as dúas triloxías de Star Wars poderán adquirirse en formato descargable tanto en definición estándar como el alta definición, facilitando o seu consumo dende distintos dispositivos, o que supón a adaptación aos hábitos de consumo imperantes, e cumprindo tamén coa demanda de contidos adicionais que os seareiros destas sagas piden constantemente (Lucasfilm preparou algún material inédito para a ocasión, que acompañará aos filmes xunto con outros contidos adicionais).
As películas poderanse mercar en conxunto ou de xeito independente, podendo variar os contidos adicionais en función do provedor que elixamos para a súa compra, destacando o caso de Xbox Video, onde os compradores dos seis filmes recibirán un droide R2-D2 virtual que poderá acompañar ao seu avatar de Xbox LIVE, recibindo tamén o lote de mesas de pinball de Star Wars para o xogo Pinball FX 2.


Vídeo promocional da nova edición dixital dos filmes de Star Wars

PUBLICIDADE