Os gandeiros poderán consultar datos sobre a súa actividade grazas a unha app da Deputación e AFRICOR-Lugo

xoves, 26 de febreiro do 2015 Redacción

A Pastoriza (Lugo) acolleu este xoves a presentación dunha ferramenta para dispositivos pioneira no Estado español. Trátase dunha aplicación para trebellos móbiles que permite aos gandeiros consultar datos sobre a produción das súas vacas, “o que facilita a xestión das explotacións e incrementa a competitividade”, segundo sinalou a Deputación de Lugo, que é xunto con AFRICOR-Lugo a entidade responsábel do desenvolvemento da ferramenta. Esta foi dada a coñecer na SAT Os Foros da Pastoriza e, a xuízo do organismo provincial, sen dúbida estamos ante a primeira app destas características aparecida en España. A Deputación impulsou esta ferramenta cunha achega de 6.000 euros, “máis da metade do orzamento preciso para sacala adiante”.
A app, sinalaron os impulsores da mesma perante os gandeiros da Pastoriza, ten dúas seccións. Por unha banda unha contorna de acceso público, “no que calquera usuario pode acceder a información xeral sobre o sector leiteiro de Galicia (novas, normativas, axudas...), así como de animais en venda, o que contribúe a dinamizar a compra venda de reses criadas na provincia, valorizando a recría feita na comunidade”. Doutra banda, explicouse, os 1.700 socios de AFRICOR-LUGO poden acceder en tempo real aos resultados do control leiteiro e a consellos de reprodución co fin de mellorar a xenética e evitar a consanguinidade. “Para isto”, explica a Deputación, “o gandeiro tan só ten que introducir os últimos catro números do crotal que levan as vacas na orella”.
Para o organismo provincial e AFRICOR, sen dúbida unha das grandes vantaxes deste recurso tecnolóxico é que os gandeiros poden ver os datos dos seus animais de xeito moi sinxelo a través do teléfono móbil en calquera lugar, aínda non tendo cobertura de Internet, xa que unha vez cargados na memoria do dispositivo, poden consultarse sen conexión. A aplicación Africor Lugo xa se pode descargar de balde no móbil, en versión iOS e en versión Android. Tamén está dispoñíbel na tenda de Microsoft para poder utilizala nas tabletas que levan sistema operativo Windows.
A vicepresidenta da Deputación Lara Méndez subliñou na toma de contacto cos gandeiros (e potenciais usuarios da ferramenta) que esta nova colaboración con AFRICOR responde ao “noso apoio permanente aos gandeiros” e tamén a “un dos obxectivos fundamentais nos que levamos traballando nos últimos oito anos: aproveitar todas as oportunidades que ofrecen as novas tecnoloxías para o impulso dun sector estratéxico na nosa provincia como o leiteiro”. E engadiu: “En Lugo producimos case a metade do leite de Galicia e a nosa provincia ingresa uns 230 millóns de euros ao ano soamente coa venda de leite”.
A vicepresidenta tamén salientou “a posición de vangarda” que sempre tivo AFRICOR no uso das novas tecnoloxías. E explicou: “Mentres noutras provincias españolas, os datos do control leiteiro aínda se manexan en papel ou como moito en PDA, en Lugo xa fai 10 anos que se utilizan medios dixitais, primeiro mensaxes de móbil e agora Internet”. O presidente de AFRICOR-LUGO, José Carlos Vega Rodríguez, cualificou a posta en marcha desta aplicación como “un avance moi práctico de cara ao traballo diario dos gandeiros e ao acceso aos seus datos”.
Como dixemos, a presentación da ferramenta para trebellos Africor Lugo tivo lugar na Sociedade Agraria de Transformación (SAT) Os Foros, de Álvare, no Concello da Pastoriza, unha gandería formada por catro socios, Manuel e Pilar Legaspy Gesto, Jesús Otero Moirón e Yolanda Alba Gallo, que fusionaron as súas explotacións para ser máis competitivos e buscar unha maior rendibilidade do seu negocio. Segundo explica a Deputación, contan cunhas 150 vacas, cunha media de produción de 13.876 quilos, unha das máis altas de Galicia. “De feito, Os Foros foi a mellor gandería por media de produción da provincia de Lugo e a segunda de Galicia no ano 2013”, engade o organismo provincial.

PUBLICIDADE