Os grandes medios españois, cada vez máis preto do modelo de pago en Internet

mércores, 17 de abril do 2013 Fernando Sarasketa

Tense falado moito da comenencia dos grandes medios de comunicación españois de cobrar por accedermos aos seus contidos. En tempos, fíxoo El País e así lle foi: tivo que abrirse aos internautas porque a competencia lle comía terreo e porque moi pouca xente estaba disposta a pagar polos seus contidos. Polo menos, non tanta como facer a aposta rendíbel. A isto cómpre engadir que os tempos tampouco están como para adoptar estas estratexias de cobro. Por iso choca tanto hoxe a información achegada por El Confidencial na que se asegura que El País e El Mundo, os xigantes da comunicación escrita española, están a piques de retomar o modelo de pago en Internet.
Esta medida, a todas luces impopular, sería en certa maneira unha medida desesperada. A razón? A caída vertixinosa da publicidade, tanto nestes medios coma noutros, un proceso xeral de crise na prensa que, de xeito inevitábel, pon aos departamentos de negocio dos grupos de comunciación a operar a marchas forzadas na procura de solucións. Algunhas delas, como esta da que estamos a falar, unha solución que en certa media vai a contracorrente deste río cada vez máis accesíbel que é o da Rede. A información de El Confidencial vai alén disto e mesmo fala de ter claudicado ante os métodos de cobro. Engádese que as cifras son as cifras (a débeda en El País está por riba dos 3.100 millóns de euros), cousa semellante ao que acontece en El Mundo, que ten atrancos para chegar aos 150.000 xornais vendidos. Desta maneira, cobrar polos contidos sería a única opción que lles queda antes de que o barco afunda, sinálase. Por certo que, como se adoita dicir nestes casos, as barbas de outros veciños xa hai tempo que están en remollo, como por exemplo The New York Times, que cobra por informacións da súa edición dixital, aínda que non se sabe a ciencia certa se a solución é de verdade unha solución á crise interna de vendas (xeralizábel a todo o ámbito da prensa mundial) ou pola contra a estocada final.

PUBLICIDADE