Os grandes xogos da campaña de Nadal eclipsan a LittleBigPlanet

xoves, 20 de novembro do 2008 Marcus Fernández

As grandes esperanzas para os videoxogos deste Nadal por parte de Sony e Nintendo parece que se están a frustrar, e tralas malas vendas de Wii Music, o LittleBigPlanet non está a funcionar todo o ben que debera, e durante o seu lanzamento nos EE.UU. só vendeu 215.000 copias, mentres que nas súas dúas primeiras semanas no Xapón só vendeu 69.000 unidades. Amais, o pulo inicial tamén o perde a grande velocidade, e na súa segunda semana á venda no Reino Unido xa pasou a ocupar a posición 19ª nas listaxes de vendas, distando moito das esperanzas que tiñan depositado neste xogo vendeconsolas que pretendía disparar as malogradas vendas da PS3 (que é a consola de nova xeración de menor implantación comercial).
Non hai dúbidas sobre o feito de que LittleBigPlanet é un xogo de grandísima calidade e bastante orixinal (ao permitir aos usuarios construír os seus propios niveis de xogo, e compartilos en liña), pero que estea dirixido a un público ocasional máis propio de consolas como a Wii podería ter sido crucial no seu mal resultado comercial, aínda que dende Media Molecule agardan que o seu xogo poida chegar a liderar as listaxes de vendas máis adiante, xa que nas últimas semanas tivo que competir con grandes éxitos coma Gears of War 2, FIFA 09 e Fallout 3.

PUBLICIDADE