Os hábitos de consumo audiovisual mudan cara aos contidos á carta

mércores, 28 de agosto do 2013 Marcus Fernández

O Ericsson ConsumerLab publicou estes días un interesante informe sobre o consumo televisivo e de contidos audiovisuais para identificar as necesidades dos consumidores de vídeo (e que podemos descargar en formato PDF) partindo de milleiros de entrevistas en varios países entre os que figura España, o que axúdanos a chegar a interesantes conclusións.
Algúns detalles interesantes sobre o cambio de hábitos de consumo detectados son que o 72% dos usuarios empregan dispositivos móbiles cando menos unha vez á semana para ver vídeo (o 42% fan iso fóra do fogar); o 75% utilizan dispositivos móbiles mentres ven a televisión (en moitos casos, facendo a televisión máis social, pois o 49% dos usuarios usan aplicacións ou navegan na Internet para atopar contidos sobre o que están vendo en televisión); incluso os usuarios de máis idade están a converterse en usuarios de vídeo avanzados (o 41% dos consultados de entre 65 e 69 anos fan uso do vídeo baixo demanda ou en liña máis dunha vez á semana); o vídeo baixo demanda está a marxinar as emisións lineais a deportes en directo, eventos e acontecementos de actualidade; e os contidos xerados polos usuarios toman cada vez máis paso (non só para o lecer, senón tamén como guías ou análises de produtos).

A xente de maior idade tamén está a subir ao carro do vídeo baixo demanda e en liña

Outro detalle a ter en conta é que, ao igual que o consumo de contidos en soportes físicos (DVD e Blu-ray) vai decaendo pouco a pouco, acontece o mesmo cos contidos descargados da Internet en favor do vídeo baixo demanda, o que reflicte o interese dos consumidores por plataformas de vídeo que se axusten ás súas necesidades. Precisamente nesta liña detéctase unha mellor percepción dos modelos de vídeo baixo demanda de pagamento mediante subscrición, mentres que os modelos pay-per-view enténdense como algo ocasional (aínda que poden complementarse). Resulta así interesante comparar os casos español e estadounidense, pois ao outro lado do Atlántico a metade dos consultados son usuarios de Netflix, tendo tamén Hulu a preto da terceira parte dos usuarios, demostrando que os consumidores consideran que son servizos completos e económicos que achegan contidos de calidade e resultan cómodos de utilizar, marcando o que poderían ser as liñas de futuro; mentres que en España continuamos sen ter algo semellante, e a oferta está moi fragmentada, ningún operador goza dun completo catálogo de contidos e, agás servizos asociados a subscricións televisivas tradicionais, os usuarios parecen abocados ás descargas irregulares da Rede (aínda que o informe recolle unha importante caída desta práctica). Non parece moi arriscado supor que, de existir unha plataforma como Netflix en España, a chamada piratería podería caer a porcentaxes anecdóticas como noutros países onde resulta doado obter os contidos de xeitos sinxelos e relativamente económicos.

O consumo audiovisual en España está moi fragmentado e cun alto índice de descargas da Internet (aínda que experimentando unha importante caída nos últimos 2 anos)
Nos EE.UU. existen plataformas como Netflix e Hulu que parecen ter atinado coas demandas dos consumidores

PUBLICIDADE