Os investigadores españois descoñecen os seus dereitos

martes, 14 de decembro do 2010 Raquel Noya

A día de hoxe, practicamente todo o mundo (grazas en boa medida ás multas impostas pola SGAE) coñece os dereitos de autor ou de propiedade intelectual dos artistas, porén non sabemos que os investigadores e innovadores, como creadores de contidos que son, tamén teñen os mesmos dereitos.
O problema, porén, non radica en que non os coñezamos a cidadanía de a pé; o grave do asunto é que nin eles mesmos coñecen os dereitos de Propiedade Intelectual e Industrial que lle son propios.
Segundo a última enquisa do Encontro de Grupos de Investigación, “9 de cada 10 investigadores españois descoñecen os seus dereitos”, e a maioría dos mesmos (68,2 por cento) considera que ese descoñecemento “débese á escaseza ou dificultade de acceso á información e á necesidade de programas de formación”.
É por isto que, a doutora Sánchez-Ramos, considerada a Mellor Inventora do Mundo en 2009, promove dende hai preto de 5 anos o Encontro Anual de Grupos de Investigación, do que saíu a devandita información.
Á vista dos datos da enquisa, Sánchez-Ramos sinala que “a asignatura pendente das universidades españolas é aprender a xestionar o coñecemento, así como o investimento en I+D+i”.
Neste senso, a investigadora pide un “maior esforzo por parte dos organismos públicos”, para promover o salto da investigación básica á aplicada e ir máis alá dos meros descubrimentos teóricos.

PUBLICIDADE