Os investimentos na Web 2.0 dóbranse cada ano, segundo un estudo

martes, 24 de abril do 2007 Fernando Sarasketa

A Web 2.0, esa na que todo o mundo mete man á hora de facela (faise cada día e está sempre en beta), chupa hoxe investimentos coma o sector inmobiliario dun tempo a esta parte. Aínda que, iso si: o que se faga mal na Web non rematará (creo eu) coa paisaxe nin alterará o curso dos ríos nin tampouco promoverá estilos de vida elitistas arredor duns paus de golf e un caddy que recibe malleiras e insultos. Asemade, a Web 2.0 tamén está a crear unhas expectativas que dan vertixe, non tanto a nós (os internautas de a pe) como ós que levan investido nela grandes cantidades de cartos e que probablemente non tarden en poñer unha vela a determinados santos, tendo en conta que hai iniciativas moi revolucionarias que aínda non xeraron un peso (hai pouco, comentabamos nesta mesma web que das grandes redes sociais postas en marcha, só Ryze estaba a xerar beneficio).
Pois ben, a cousa non é para menos, e non é que queiramos crear alarma. Pero resulta que, segundo din Antonio Fumero e Genis Roca nun estudo publicado pola Fundación Orange, os grupos de capital risco xa investiron na nova orde de Internet uns 650 millóns de euros ó longo de 2006.
Este volume de cartos, por outra banda, dóbrase cada ano e a medida en que se afianza entre a comunidade internauta o emprego destas webs participativas. O informe, do que dá conta EFE, tamén achega o seguinte dato: ó longo do ano pasado efectuáronse 167 operacións de investimento desta índole, máis do dobre ca en 2005. Porén, os autores da investigación amósanse sobre todo optimistas: “Hai un enérxico rexurdimento na actividade empresarial vinculada coa Rede e todo semella apuntar a que o capital valora positivamente a evolución da Internet e dos seus emprendedores, e a experiencia da burbulla anterior ten educado a todas as partes tanto na elaboración como na valoración dos plans de risco”.
Para os responsables do estudo, o exemplo de Google, Yahoo! e Microsoft é en certa maneira un paradigma: xa levan mercado 85 empresas relacionadas coa Rede en seis anos. Amais (din), os internautas están a responder ás expectativas, apostando de xeito claro por este tipo de propostas Web 2.0, cunha taxa no incremento de visitas do 668 por cento ó longo dos últimos anos.
Sexa como sexa, non todos os especialistas nas novas tendencias da Rede lle ven un futuro tan vizoso, polo menos no que se refire a un reparto equitativo dos beneficios. No caderno blogscorporativos.com de Claudio Bravo reflíctese certa preocupación no que respecta ó futuro das medianas e pequenas empresas relacionadas coa Web 2.0. É dicir: o éxito de Google, Yahoo! e Microsoft (e a adquisición de canta iniciativa de éxito se pon por diante) é o fracaso de outros. Ou sexa, que só van poder sobrevivir os grandes, sendo as empresas que acaben por cobrar polo que agora se ofrece de balde (vídeos en YouTube, blogs para todos, imaxes en Flickr, etc) as que van ter máis futuro.
O galego Enrique Dans dá conta no seu caderno dunhas declaracións de Joi Ito que se cadra veñen moi a conto: “Se cadra estamos pasando de falar dunha plataforma para o futuro da Web a falar dunha plataforma para o futuro a curto prazo dunha serie de xente moi cobizosa”.
Sexa como sexa, se finalmente estoupa a burbulla, os grandes prexudicados (como en tantas outras cousas na vida) non serán os de arriba, que levan anos cubríndose ben as costas. Os que perderán, amais das empresas pequenas, serán os usuarios de a pé.

PUBLICIDADE