Os maiores de InLugo inmortalizan a Muralla cos seus smartphones e tabletas

mércores, 9 de decembro do 2015 Fernando Sarasketa

O InLugo, o Centro de Innovación Social que xestiona a Fundación TIC (Deputación de Lugo) vén de sumarse á celebración do 15 aniversario da Muralla como Patrimonio da Humanidade. E fíxoo cun obradoiro de fotografías sobre o monumento e cunha mostra das imaxes dixitais obtidas polos participantes na iniciativa: veciñas e veciños usuarios de InLugo (todos eles maiores de 55 anos e beneficiarios das actividades e envellecemento activo do centro social). No obradoiro fotográfico que acompañou a celebración, os usuarios de InLugo foron introducidos na práctica de fotografar con dispositivos móbiles e na de corrixir e retocar o resultado dos seus traballos.
Segundo fan saber dende a Fundación TIC, “con esta iniciativa quíxose render unha homenaxe ao monumento local máis emblemático coa posta a disposición dos nosos maiores dos medios e as habilidades precisas para o emprego de novas tecnoloxías que forman parte da vida cotiá do común da cidadanía, como é a realización de fotos con móbiles ou tabletas”.
A Fundación TIC tamén fixo saber que a actividade estendeuse a todos os maiores da provincia, non só aos usuarios do InLugo, xa que todas as persoas de máis de 55 anos interesadas en amosar as súas fotografías da muralla puideron expoñelas na exposición (a mostra Tende en colga nas rúas de Lugo até o 8 de decembro).
Estas accións insírense no programa Fóra e dentro do InLugo, que incluirá diversas citas e eventos relacionados coas novas tecnoloxía nunha festa de Nadal, o 22 de decembro, “coa que se porá fin ao primeiro trimestre de cursos e obradoiros da tempada”. Esta iniciativa estará aberta a todos os maiores da provincia.

PUBLICIDADE