Os maiores de Lugo “camiñarán coas TIC” ao longo deste mes

xoves, 19 de febreiro do 2015 Redacción

Onte botaba a andar un novo programa encamiñado ás persoas maiores da provincia de Lugo, estamos a falar do Camiña coas TIC. A aposta, organizada pola Fundación TIC (dependente da Deputación), quere promover o uso das novas tecnoloxías como ferramenta para motivar a realización de exercicio físico. Camiña coas TIC presentábase onte no Valadouro cunha ruta na que os participantes estiveron acompañados polo Deputado de Economía do Coñecemento, Emprendedores e Innovación, Alfredo Llano, e o Alcalde do Valadouro, Edmundo Maseda.
En Camiña coas TIC os participantes empregan aplicacións en dispositivos táctiles como poden ser o compás, o podómetro, o cardiógrafo, un contador de calorías, un recordatorio de beber auga, un botón de alerta e un buscador de rutas. Tamén se tira partido de dispositivos cuantificadores para entender o seu funcionamento e os beneficios que achega o propoñernos novos retos a cumprir cada día. O material será cedido polo equipo de Camiña coas TIC, ao igual que os dispositivos táctiles para aqueles que non os teñan.
Despois do encontro no Valadouro, Camiña coas TIC desprazarase hoxe ás 16:00 horas a Friol. Continuará o 20 de febreiro, tamén ás catro da tarde, en Becerreá; o luns 23, ás 11:00 horas en Vilalba, e as 17:00 en Guitiriz; o martes 24 no Incio ás 10:30 horas; o 25 de febreiro ás 16:00 en Chantada e finalizará o xoves 26 en Lugo ás 11:00. Ese mesmo día terá lugar pola tarde un acto conxunto coa entrega de diplomas.
A engadir que cadanseu obradoiro contará coa participación dun mínimo de 10 persoas maiores de cada zona, que serán guiadas por dous monitores. Toda a información relativa a Camiña coas TIC atópase na páxina da Fundación TIC.

PUBLICIDADE