Os obradoiros de Crea R chegan o día 20 a Ribadeo

mércores, 10 de outubro do 2018 Fernando Sarasketa

A operadora R vai organizar o 20 de outubro un novo obradoiro de robótica para a rapazada: unha acción onde dar renda solta ao talento que todas as nenas e nenos atesouran. Desta volta, a cita (inserida no programa Digitalent 2020 da axencia autonómica AMTEGA) será en Ribadeo e estará novamente dirixida a cativos de entre 7 e 15 anos. A actividade formativa é de balde e nela os asistentes terán unha oportunidade de ouro para iniciarse na creatividade tecnolóxica e ir enfiando as súas importantes capacidades cara este eido, un ámbito de grandes posibilidades creativas, dixitais, sociais, laborais e persoais.
Os obradoiros terán unha duración de dúas horas nas que a rapazada participante construirá e programará robots, marcadores de puntos e coches. Isto que significa? Pois en palabras da operadora de telecomunicacións galega, que os asistentes mergullaranse de cheo na programación, na construción de estruturas de enxeños tecnolóxicos e na experimentación in situ da súa operatividade final (vendo “como os obxectos toman vida”). En concreto, o obradoiro encamiñará ás nenas e nenos para que o robot no que traballarán camiñe, para que un marcador leve os puntos dos equipos nun partido e para que un coche acelere.
Haberá unha primeira quenda para nenas e nenos de 7 e 8 anos, de 10:00 a 12:00 h. Deseguido, os cativos de 9 a 11 anos serán quen desfruten desta iniciativa, de 12:00 a 14:00 h. E xa pola tarde, de 16:30 a 18:30 horas, rapaces de 12 a 15 anos rematarán esta xornada coa que sobre todo se procura que aprendan mentres se divirten.
As persoas que se inscriban, deberán facelo na tendaR do número 28 da rúa de Galicia, en Ribadeo, onde poderán solicitar un convite para as 60 prazas dispoñíbeis.
Percorrido pola nosa xeografía
R retoma o fío dos seus talleres logo das experiencias do ano pasado, no que a operadora de raizame galega percorreu máis dunha vintena de localidades das nosas catro provincias. O periplo recomezou os días pasados, na feira de emprendemento innovador Pont Up Store de Pontevedra e máis en Baiona, e agora prosegue coa recalada en Xuventude Galicia Net (esta finde en Silleda), coa devandita cita de Ribadeo e (máis adiante) coas de Tui, Caldas, Porriño e Santa Comba.
A finalidade de Crea R (a iniciativa que achega alicerce a estes obradoiros) é que “os nenos desenvolvan e potencien a súa creatividade, que esperten o seu espírito emprendedor ao tempo que adestran habilidades importantes como o traballo en equipo e a comunicación”. Ademais procúrase que “deixen de ser meros consumidores pasivos de tecnoloxía e boten man dela, desta volta, para crear e aprender”.

PUBLICIDADE